«Teño a sensación de que se está a facer da pederastia un problema da Igrexa, cando o é social»

Agrelo, arcebispo de Tánxer, entende que se ataca ao papa por tentar fixar un rumbo diferente ao marcado polas xerarquías

.

Exprésase con rotundidade. Non é dado a xesticular. Mira desde abaixo directamente aos ollos ladeando un pouco a cabeza como para asegurar a atención do seu interlocutor. Santiago Agrelo (Asados-Rianxo, 1942), franciscano, veciño do gran poeta Manuel Antonio, é desde o 17 de xuño do 2007 arcebispo de Tánxer. Pensa que o vindeiro ano, por mor da idade, deixará esta responsabilidade, «mais vexo que o que Deus me conceda de vida terá que ver coa Igrexa, coas comunidades eclesiásticas», precisa.

-Como naceu en vostede a orientación relixiosa?

-Ten que ver coa casa onde nacín. Meus pais eran labradores. Tiñan que traballar e o neno non os deixaba durmir. Ese foi o motivo polo que pasei da casa de meus pais á de meus avós paternos aos oito meses...

-Foi nese contorno onde escoitou dicir Deus?

-Onde mo aprenderon a dicir, non o sei. Se foi na familia, na escola ou na igrexa, ou se foi nos tres sitios á vez. De neno tiña unha relación máis confiada con Deus que a que tiña co meu avó. Vou explicalo ben. Se eu pensaba que meu avó me ía zoscar por saír da casa sen o seu permiso, negociaba con Deus un trato: se non me pega eran tantos nosospai.

-Eran tempos nos que os seminarios estaban cheos...

-Non coma agora, onde non hai comunidades eclesiásticas verdadeiras. Se non as hai, de onde van saír as vocacións? O mundo no que me criei era profundamente relixioso, pero nunca pensei en ser frade. De feito non foi idea miña. Foi de meu avó. Alguén pensou que Herbón era un bo sitio para estar. Os rapaces non pasaban fame. Estudábase ben e custaba pouco. Tres razóns fundamentais. Entrei alí para non saír. E nunca tiven dúbidas, curiosamente.

-Cal é a causa dos ataques dunha parte da Igrexa ao papa?

-Un observador mediano decataríase de que o papa Francisco ía sufrir moito por mor de trazar un rumbo diferente ao que estaba marcado por certas xerarquías instauradas na Igrexa. Non llelo van perdoar. O do nuncio Viganó está feito para facer dano. Dicíame a miña irmá máis pequena: Lucho, se agora sae algún pai e di que fixestes isto ou o outro, como te podes defender?

-Refírese ao da pederastia?

-Si. Teño a sensación de que se está facendo disto un problema da Igrexa cando o é social, pero só se vai pola Igrexa. Por que? Coido que teño dereito a preguntarmo. Entón, éntrame a sospeita de que non importan as vítimas que son utilizadas a favor ou en contra dalgún.

-A Igrexa australiana informou que mantería o segredo de confesión nos casos de pederastia, rexeitando unha das recomendacións da comisión intergobernamental que investigou os abusos sexuais a menores no país...

-Isto é un problema serio porque choca con dúas éticas, a civil e a procesional. Un sacerdote, aínda que o maten, non pode revelar o que escoitou en confesión, teña dado a absolución ou non. O Goberno australiano está fóra de lugar e a Igrexa está no que lle corresponde. O segredo de confesión é o respecto ao penitente. A confesión é o xuízo de Deus sobre a vida das persoas. Non ten nada que ver cos tribunais deste mundo.

-Parece ser que o Goberno, por recomendación de Podemos, está disposto a revisar o IBI das propiedades do clero. Cre que é o momento xusto para facelo?

-Os momentos dos políticos márcannos eles. A Igrexa deste século ten que traballar máis para dentro e dar sentido de comunidade eclesial que non ten que estar en función dun edificio que se usa para determinadas cerimonias. As pequenas comunidades cristiás non van á Igrexa para celebrar a eucaristía, reúnense nun cuarto. Isto require tempo, formación, e non vai ser para agora. A Igrexa necesita un proceso de desamortización feito desde dentro. Consiste en acoller a pobreza.

-Como arcebispo, notou a púrpura do poder en Tánxer?

-Ía dicir que non, pero porque non me deron ocasión [ri]. Unha diocese como a miña, que non é cristiá, non sente o poder. Somos uns dous mil cristiáns espallados nun territorio como Galicia. Formouse no século XIX e sempre foi moi admirada polas demais confesións.

-Vostede propugna a eliminación das fronteiras...

-Non me gustan. Unha fronteira non pode impedir a unha persoa o exercicio dun dos seus dereitos: o de emigrar. Os Estados teñen, á súa vez, o dereito do seu control. Poden pasar os lagartos, os paxaros, os criminais se son ricos, pero non os pobres. Estou contra as concertinas porque son un perigo para a vida. Violan o dereito da integridade física das persoas.

-Parece que este Goberno quere chegar a un acordo con Marrocos para o control das fronteiras.

-Nunca o intentaron. Só pagan a Marrocos para apartar os emigrantes das fronteiras. Usan o exército para trasladar os emigrantes ao sur e non nas mellores condicións. Empregan porras e cans. Se lles levo de comer ao bosque, a policía indícame que non o podo facer, queren que vaian ao centro da cidade para collelos e expulsalos. Europa e España páganlles por isto. Non existe un convenio entre países para axudar nesta traxedia. Hai un acordo entre amos do gando. Eu enfádome porque estamos a falar de persoas con dereitos que ninguén respecta.

-E as mafias?

-Son as fillas naturais das políticas ou non políticas migratorias dos gobernos. Se tivesen unha política migratoria acabaríase con elas. Imos tres veces á semana entregar alimentos ao bosque, e pregúntome se non son usados para que os pobres paguen ás mafias.

-E non se pregunta por que Deus lle fai pasar todas estas calamidades a estas persoas?

-El non llelo fai pasar. É a Comisión Europea. O señor Salvini tamén, entre outros.

-Home, pero Europa é cristiá...

-Xa non ten nada. Estou contento con que non se metera na Constitución europea ningunha referencia ao cristianismo porque sería para avergoñarse. É unha evidencia que os que fixeron o holocausto eran cristiáns. Vaia vergoña!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Comentarios

«Teño a sensación de que se está a facer da pederastia un problema da Igrexa, cando o é social»