Rami Aragunde: «Todo o que podíamos facer pola colleita xa está feito»

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso CAMBADOS / LA VOZ

SOCIEDAD

MONICA IRAGO

Para os agricultores é tempo de espera, de agardar a que a uva estea madura para iniciar a súa recollida

08 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os viticultores e adegueiros de Rías Baixas calculan que non empezarán a vendimar ata o próximo 20 de setembro. Así que, nestes momentos, uns e outros están inmersos na preparación da época máis importante do ano. Porque do que suceda nos próximos días depende todo o seu traballo dos últimos doce meses. Rami Aragunde, un profesional que leva toda a súa vida ligado ao cultivo do viño, explica que esta é una época de tensa calma. «Todo o que podiamos ter feito pola colleita xa o fixemos, agora só toca esperar», recoñece. Agardar e pedir que o tempo permita unha vendima tranquila.

-Parece que este foi un ano complicado para o viño polas condicións meteorolóxicas.

-A verdade é que foi unha pretempada moi mala, polas condicións meteorolóxicas que houbo. Houbo moitos problemas de mildio e de todo tipo de enfermidades. E tivemos que ter moito coidado para conseguir unha colleita boa.

-Ao final a afección das enfermidades foi moito maior do que se pensaba inicialmente.

-Sorprendeunos ata aos viticultores. Houbo moi mal tempo, pero non se pensaba que fixera tanto mal. Criamos que tiñamos todos os tratamentos aplicados e que todo ía ben. Pero houbo un ataque de mildio terrible.

-Nos últimos anos, o tempo está dando máis problemas dos desexados.

-Pois eu creo que levamos uns anos, dende o 2004, nos que acadamos unhas colleitas espectaculares en Rías Baixas. É certo que houbo moitas dificultades de por medio por culpa das condicións meteorolóxicas, pero, ao final, as cousas saíron ben e foron moi boas colleitas. Antes, as colleitas eran poucas e malas, pero cando hai calidade, coma este ano, tamén hai cantidade.

-E como está a colleita actualmente? Vai todo como se esperaba?

-Agora mesmo está madurando. Por sorte, na última semana, as uvas maduraron unha barbaridade. Ata hai uns días andabas pola viña e sacabas unha uva, e saía ben. Agora, intentas collela e xa se desfai. Esta é a época que lle chamamos de reflexión. Estás aí parado, esperando. Todo o que podiamos ter feito pola colleita xa o fixemos. Agora só nos queda esperar. Case é preferible non pasar pola viña porque agora, se pasa algo, non tes nada que facer. Xa se acabou de aplicar os tratamentos, e só podes esperar a que che toque vendimar.

-Cando calculan que poden empezar coa recollida?

-Para a semana do 17 ou para principios da seguinte calculamos que xa estaremos vendimando. Aínda que nós, comp socios dunha cooperativa, temos que esperar a que nos manden.

-Para os viticultores, a vendima é a mellor época do ano?

-Depende do ano. Se é de sol lévase ben. Fas a vendima e despois quedas coa xente para tomar un viño. Pero cando chove todo é cabreo e mal xenio, e nin ganas de tomar nada quedan. Son quince días de moito traballo, de comer na leira e de preocupación. Porque te estás xogando todo o ano. É algo que só lles pasa aos agricultores e aos mariñeiros. O resto da xente, se fai un traballo, cóbrao. Pero os agricultores pasamos todo o ano pendentes do tempo.