Adeus a Ernesto Chao, «actor fantástico e querido polo público»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

SANDRA ALONSO

O intérprete, moi coñecido polo seu papel de Miro Pereira, faleceu aos 74 anos

07 ago 2018 . Actualizado a las 17:03 h.

Expresións como «voute esnaquizar, miñoca» volveron onte a resoar na memoria colectiva ao coñecerse o pasamento do actor ourensán Ernesto Chao aos 74 anos en Santiago. Durante máis dunha década meteuse nas casas dos galegos como Miro Pereira, o propietario do bar Suízo na serie Pratos combinados, pero a pegada no ámbito das artes escénicas galegas deste intérprete, nado en Ribadavia, vai máis aló, tanto polos seus numerosos traballos no teatro e no audiovisual como polo labor feito en diferentes colectivos profesionais.

«Era un fabuloso autor dramático e viu nacer e apoiou o teatro profesional. El, xunto a nomes como Xosé Manuel Olveira, Pico, ou Roberto Vidal Bolaño, escribiron as letras grandes das artes escénicas e das primeiras ficcións en Galicia», lembra o tamén actor Antonio Durán, Morris, que compartiu co intérprete de Ribadavia múltiples espectáculos e os inicios teatrais. Foi nos anos 70 cando Chao se decantou definitivamente polo mundo da escena. Con anterioridade traballara no negocio familiar, unha fábrica de construción de ataúdes en Ribadavia, pero xa lle dedicaba parte do seu tempo ás representacións. Era o momento no que na súa localidade natal nacía a Asociación Cultural Abrente, que xogaría un papel fundamental na posta en marcha das Mostras de Teatro de Ribadavia. Despois, trasladaríase a Vigo, onde centrou o seu traballo na compañía Artello. «Alí era coma noso pai», rememora Morris.

En 1984 chegou un dos puntos de inflexión na carreira de Chao co seu traslado a Compostela. Era o ano no que tamén nacía o Centro Dramático Galego (CDG), compañía teatral que dirixiu durante dúas temporadas (1986 e 1987). Tamén deixou pegada noutras numerosas compañías, e en 2001 fundou unha propia, Lagarta Lagarta, xunto con Rosa Álvarez.

A última vez que subiu a un escenario foi con Redrum Teatro, no pasado xaneiro, en Monforte, para interpretar A canción do elefante. «Foi unha persoa moi implicada sempre», di Guillermo Carbajo, un dos membros da compañía. A isto hai que engadirlle a participación de Ernesto Chao en numerosas producións audiovisuais, tanto en series televisivas como tamén na gran pantalla. El foi o primeiro en meterse na pel de Ramón Sampedro na ficción.

Impulsor do sector

Este labor interpretativo combinouno co seu traballo en favor da profesión. Foi presidente da Asociación da Actores e Actrices de Galicia, de Escena Galega e da Academia Galega do Audiovisual. «Ernesto Chao era un referente para toda unha profesión, unha profesión que sería difícil de imaxinar sen o seu traballo e o seu tesón dende os comezos da súa carreira; impulsou o sector, tanto dende a súa vertente escénica como audiovisual», indicou o colectivo de actores e actrices, presidido por Nieves Rodríguez. A asociación tamén incidiu onte no «inmenso afecto» que espertaba o actor entre o sector, e o cariño que lle tiña o público. Un aspecto que tamén subliña o seu tantas veces compañeiro sobre as táboas e na pantalla, Morris: «Ernesto era un actor dramático fantástico e moi, moi querido por toda a profesión e pola xente da rúa. A xente chamáballe Miriño de xeito cariñoso».

As mostras de pesar polo falecemento do actor nado en Ribadavia en 1943 sucedéronse durante toda a xornada. Chegaron dende diferentes institucións culturais, representantes políticos e compañeiros de profesión, ademais do público. Dende a Mostra de Ribadavia sinalaban que «esta casa queda un pouco máis orfa, pero non sen memoria».

Os restos de Ernesto Chao foron trasladados ao tanatorio compostelán de Boisaca, onde serán velados ata esta mañá.