«A verbena é unha riqueza cultural á que as institucións non poden ser alleas»

MONTSE CARNEIRO A CORUÑA / LA VOZ

SOCIEDAD

BASILIO BELLO

Presentan unha iniciativa para declarar as festas patronais como patrimonio inmaterial galego

03 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia é o país das 3.772 parroquias e, canda menos, doutras tantas verbenas patronais mailas que organizan os lugares. «Non hai país no mundo con máis festas ca nós en relación co tamaño do territorio», subliñou onte Manuel Fariña, presidente da Asociación Galega de Orquestras, na presentación na Coruña dunha iniciativa para declarar as verbenas ben de interese cultural na categoría de patrimonio inmaterial. «Hai que protexelas porque non é obrigatorio facelas, se se fan é por vontade propia, e se non lles axudamos aos veciños quizais perderemos unha das tradicións máis importantes de Galicia», explicou Fariña despois de suxerir o xeito no que «os cambios de tempos» e as institucións «foron complicando» a organización dunha celebración secular.

Hai moi pouco escrito sobre as verbenas e aínda menos sobre as «razóns antropolóxicas» de tanta festa que Fariña invitou a indagar colectivamente. De acordo co catedrático da Universidade da Coruña (UDC) Carlos Amoedo, a verbena constitúe unha expresión da organización territorial de Galicia, dos cultos que se foron superpoñendo desde a época prerromana á aparición das parroquias na Alta Idade Media e da evolución da festas en estratos de alto valor cultural que recollen as comidas, misas, músicas, bailes, gaiteiros, palcos, bandas, despois orquestras, despois escenarios móbiles, formas de vida e lecer. E ultimamente, o rigor burocrático dunha lei de espectáculos que «produciu un paulatino desalento das comisións de festas», incapaces de facer fronte a esixencias por veces «absolutamente disparatadas, dignas de macroconcertos e non das festas patronais que todos coñecemos e que están na nosa xénese como pobo», e ao desgoberno na aplicación da lei, aberta á interpretación de cada Concello, apunta a avogada Raquel Grela.

Así quedaron as verbenas coa lei do 2013, debilitadas por un abafante intervencionismo administrativo. A celebración tradicional, levantada por un grupo de veciños esforzados, transformouse de súpeto nunha actividade de risco. Movidas polo caso de Madrid Arena, as institucións fixeron fincapé na seguridade, nos plans de evacuación e nas medidas de orde pública. «E entón a cousa quedou en deixar facer ou autorizar, cando xustamente se trata do contrario -afirma Carlos Amoedo-, de que os concellos e o resto de Administracións sexan conscientes da dimensión cultural das verbenas e se impliquen en fomentalas, estimulalas e promocionalas. As institucións non poden ser alleas. Hai que cambiar o foco».

O informe e a nova lei

O paso decisivo dérono as orquestras. Diante da deriva que tomaba o fenómeno, a asociación de Manuel Fariña decidiu explorar a vía da protección para evitar o esmorecemento das patronais e encargou á UDC e a Carlos Amoedo, catedrático de Dereito Administrativo, un informe para soster o propósito.

Despois de medio ano a voltas coa nova Lei de Espectáculos de Galicia polo controvertido achegamento ao fenómeno da música en vivo, onte, no día da súa entrada en vigor, a Asociación Galega de Orquestras e a UDC fixeron pública unha campaña de recollida de sinaturas para, á volta do verán, solicitar oficialmente á Xunta que incoe o expediente administrativo para declarar as festas parroquiais galegas ben de interese cultural (BIC) na categoría de patrimonio inmaterial.

A iniciativa está conectada ao pulo que están tomando a nivel internacional os patrimonios inmateriais, «recreados, impulsados e sostidos no tempo polas comunidades portadoras», sinala o profesor, e de desenvolverse como se espera, corrixiría o déficit de Galicia no recoñecemento normativo a este tipo de tradicións. «É rechamante que nós que temos unha cantidade tan enorme de festas sexamos unha das catro ou cinco comunidades que aínda non teñen ningunha manifestación protexida como patrimonio inmaterial», cuestiona Amoedo.

A lei de espectáculos vixente desde onte naceu en parte para corrixir o efectos perversos da norma do 2013 e a esa vontade de mellora se acolle o sector para manter o optimismo. «As comisións téñeno moi fácil agora; de feito, Xunta e Fegamp aprobaron unha declaración responsable que terán que firmar e nada máis -adiantou Manuel Fariña-. Serán os profesionais e as empresas das verbenas os que terán a responsabilidade».