«Galicia non está no bo camiño»

SOCIEDAD

ANGEL MANSO

Xan Rodríguez Silvar fundou hai 43 anos a Sociedade Galega de Historia Natural co obxectivo de coñecer, divulgar e conservar

22 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Algúns mestres sono toda a vida; dentro e fóra das aulas. Xan Rodríguez Silvar (Ferrol, 1953) é o tipo que todos quereriamos ter diante naqueles tempos de pupitre e encerado, ou tableta, que tanto ten. O que conta é o mestre. Pero coidado, Xan é máis cousas: entre elas, gaiteiro, presidente e cofundador da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e un dos máis reputados ornitólogos do país. Falamos nunha ruidosa cafetería da súa cidade onde consegue poñer a conversa por riba do barullo sen ter que levantar moito a voz.

-Xubilado xa.

-Non pensaba, pero pasou. Chegaron os sesenta tacos e ademais estaba de dire no instituto; é dicir, nun fregado potente. Pero pensei que podía vivir co que gañaba e que fisicamente aínda estaba ben, así que decidín dar o paso.

-E que tal lle vai?

-Moi ocupado porque neste tempo o meu fillo decidiu ter un par de netos e pasei a integrar a sección esta de auxiliador de conciliación familiar, ha, ha. Tamén retomei a SGHN; volvín á faena.

-Bota de menos o ensino?

-Como deporte si, ha, ha. Encántame a adolescencia.

-Pois debe ser o único.

-Si. É como se me pregunta se me gustaría ser gaiteiro profesional, diría que prefiro ser amateur e tocar cando me dá a gana. Con respecto á docencia descubrín que me gustaba transmitir. Non é que estea desesperado por dar clase, pero cando teño ocasión e me convidan a participar nalgunhas xornadas, si me gusta. O que non boto de menos é madrugar, a burocracia...

-A cantos alumnos botou da clase?

-En 35 anos non pasan de dúas expulsións. Ou tres.

-Seguro que se acorda delas.

-Si. E seguro que os expulsados tamén.

-E a vostede, expulsárono algunha vez?

-Hummm. Tanto como expulsión, non. En realidade fun un mal estudante, pero iso axudoume a ser un profesor pasable. Souben o que era estudar en verán. Ter esa óptica do mal alumno deume unha visión cómplice á hora de tratar con alumnos con problemas.

Pinto & Chinto

-Falaba antes da SGHN. Forman vostedes un colectivo moi serio nun ambiente de moito ruído.

-Hai 43 anos que fundamos a Sociedade con tres obxectivos: coñecer, divulgar e conservar. Quixemos falar pouco pero facer argumentacións dificilmente refutables e manter independencia.

-E como está Galicia?

-Galicia está mal ou non está no bo camiño para nada. Temos un problema de falta de política ambiental e económica e o cambio climático cóllenos co pé cambiado e fatal dende o punto de vista demográfico.

-Como ornitólogo dígame o nome do peor «paxaro» de Galicia. E teña en conta as aspas.

-Pois eu diría que non é un nome en concreto senón un prototipo: o político autonómico con capacidade de decisión pero que non actúa. É unha especie moi nociva e xa me tocou observar as desfeitas causadas por decisións non tomadas.

-Ten un invitado que nunca estivo en Galicia e só dispón dunhas horas. Onde o leva?

-Por proximidade iría ao cabo Prior, Ortegal, ás fragas do Eume e ás do Belelle.

-Defínase en catro palabras.

-Curioso, xeneroso (gústame compartir), xusto (descolócame a inxustiza) e vividor, no bo sentido.

-E faga agora ese exercicio con Galicia.

-Sabia, xenerosa, dura e magnética, por atraente.

-Falemos de cousas serias, gústalle o fútbol?

-Non. Véxoo se cadra co meu fillo menor, que lle gusta e é do Real Madrid. Unha vez fomos ver o Madrid contra o Ostende. Aínda estaba a Quinta do Buitre. Perdeu deshonrosamente o Madrid e o meu fillo, que tiña dez anos, viu á xente que acabou aplaudindo ao Ostende, pero tamén puido ver aos Ultras Sur. Creo que foi un antídoto antiultra.

-De que se arrepinte?

-De bastantes cousas, porque intentei facer bastantes cousas, aínda que non me arrepinto de telo intentado.

-Como é para vostede un día perfecto?

-Un día onde poida dar un paseo por algún dos meus sitios preferidos, onde podo facer algo con alguén dos temas que me gustan, a música, o medio ambiente..., un día no que podo ver os meus netos e, se acabo con ioga, pois de cine.

-Ioga?

-Enredoume o meu fillo menor.

-Ese fillo lévao por todas partes.

-Si. Tamén me invitou a Londres a ver un concerto de jazz. Mercou as entradas, pero o resto da fin de semana pagueina eu, ha, ha.

-Elixa unha canción.

-Summertime. En versión de Tete Montoliu.

-O máis importante na vida?

-Saber vivila.