Outra importante novidade en Bonn foi a sensación de urxencia respecto das accións necesarias para combater o cambio climático. A evolución das emisións e dos danos está sendo bastante peor do esperado, sabendo que esta nos apartaba xa dos obxectivos de París (aumento de 2 graos da temperatura), requirirá axustar fortemente as achegas voluntarias comunicadas polos distintos países até o momento. O proceso, coñecido como «diálogo facilitador», ten que culminar tamén na próxima COP e de aí a necesidade de acordar medicións comparables entre países neste cumio.
En consecuencia, os próximos meses deben recoller avances técnicos e múltiples avaliacións de onde estamos exactamente e que marxe de manobra existe para acadar os obxectivos de París. Neste senso, o debate sobre o fin do uso do carbón xurdiu con forza e deu lugar a anuncios gobernamentais (alianza de países) e empresariais sobre o abandono desta fonte de enerxía tan negativa desde un punto de vista ambiental. Alemaña -outrora un líder climático indiscutible pero hoxe moi dependente da xeración eléctrica con carbón, a causa dunha transición enerxética acelerada que prescindiu da enerxía nuclear- e España -onde seguimos a queimar carbón para producir electricidade cando hai alternativas máis limpas dispoñibles no sistema- quedaron certamente en evidencia.