Nuria Lago: «Os pais se sobreexpoñen nas redes e os fillos queren imitar esta conduta»

Laura García del Valle
Laura G. del Valle REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

OLI SCARFF | afp

A experta precisa que as redes sociais están causando problemas de autoestima en moitos rapaces

20 mar 2017 . Actualizado a las 09:30 h.

«Cada vez máis pais preocúpanse porque cren que os seus fillos teñen unha adicción as redes», explica a psicóloga educativa e sanitaria Nuria Lago. Ao mesmo tempo, sorprende que a experta constate que son estas figuras de referencia para os nenos as que se sobreexpoñen nas redes sociais, «transmitindo unha mensaxe negativa aos seus fillos que pode derivar en graves problemas de autoestima».

-Moitos rapaces teñen móbiles cando aínda son nenos. ¿É un perigo que os pais descoñecen?

-Un neno non debería ter móbil nin contas en redes tipo YouTube ou Instagram mínimo ata os doce anos, e sempre baixo a tutela dos pais e con acceso restrinxido. O problema é que en moi poucos casos os pais dispoñen de tempo para vixiar aos seus fillos e controlar que non fagan un mal uso dos dispositivos tecnolóxicos. Aínda así, os pais teñen que intentar estar moi enriba: é como cando se poñen firmes cos horarios nocturnos, hai que poñer límites tamén neste tema.

-¿Existe un aumento de problemas psicolóxicos derivado dun uso erróneo dos móbiles por parte dos nenos?

-Si. Cada vez hai máis pais preocupados porque ven que os seus fillos pasan moito tempo na casa, illados, que non lles interesa saír e que están todo o día pegados ao teléfono. É un problema, porque para os rapaces é máis fácil interactuar a través dunha pantalla, pero as habilidades sociais só se aprenden practicando. Digamos que, desta forma, poden perder a capacidade de empatizar ou poden ter problemas coa intelixencia emocional.