Fernando Salgado Blanco: «A acupuntura con pacientes de dor crónica no hospital dá bo resultado»

Salgado, médico que se especializou en medicina chinesa en Pequín, coordina o máster de Acupuntura da USC dende hai vinte anos


SaNtIaGO / LA VOZ

Tras acabar Medicina en Santiago e exercer tres anos e medio en Finlandia, en 1995 Fernando Salgado Blanco foi para China, cunha axuda do Ministerio de Asuntos Exteriores. Pasou un lustro en Pequín, regresou a Compostela, e dende entón coordina o máster de Acupuntura e Farmacopea chinesa na USC. Onte falou da súa experiencia na biblioteca pública Ánxel Casal, nun ciclo que promove a cultura chinesa, e recomendou ao auditorio que «con boa dieta e facendo exercicio físico adecuado a diario, a maioría das persoas poderían prescindir de ir ao médico».

-¿Que fixo en China?

-Estudei a Medicina chinesa, que inclúe unha dietética propia; técnicas como a acupuntura, ou a auriculoterapia baseada no pavillón auditivo; exercicios terapéuticos; e unha farmacopea con presenza de todos os reinos: mineral, vexetal, animal e tamén humano, pois aproveita por exemplo a placenta.

-¿Como é a súa experiencia con acupuntura na Unidade da Dor do Hospital de Santiago?

-Comecei hai 20 anos, ao chegar de China, con pacientes que me envían, normalmente de dor crónica, e dá bo resultado.

-¿A quen lla recomenda?

-Vale para todo o mundo; sobre todo para a dor músculo-esquelética e dores de cabeza. Agora está moi recoñecida para problemas de concepción, esterilidade, e xinecolóxicos en xeral; ou para a rehabilitación neurolóxica.

-¿Trata doentes que fracasaron na sanidade oficial?

-A acupuntura aquí é sobre todo unha alternativa privada, que hai que pagar; e por iso, e polo uso de agullas, non resulta atractiva. A maioría da xente que nos chega, primeiro foi ao médico. E hai algunhas persoas que coñecen e veñen directamente.

-¿Como atrae doentes á consulta?

-A maioría dos doentes veñen á nosa consulta polo boca a boca, que funciona moito; e algúns porque procuran consultas de acupuntura en Internet.

-¿Hai compatibilidade entre a acupuntura e a medicina oficial?

-Si, é unha terapéutica compatible con outros tratamentos; e como non supón consumo de fármacos, carece dos efectos secundarios dos medicamentos.

-¿Contan co recoñecemento do Colexio Médico?

-Máis da metade das seccións de acupuntura de España están recoñecidas, en Barcelona, Madrid, Sevilla, San Sebastián, Valencia, e outras. En Galicia houbo un intento, e non culminou por non haber moita actividade.

-¿Ten presenza na Medicina oficial a acupuntura?

-Hai consultas, por exemplo na sanidade pública andaluza. En Galicia, na Unidade da Dor do CHUS; e outra no Hospital Meixoeiro, de Alfonso Carregal, antigo alumno do máster da USC.

-¿Funciona o máster da USC?

-Si, estamos no segundo ano da décima edición, e esperamos convocar para xaneiro do 2018 a onceava. Asisten médicos, enfermeiras, fisioterapeutas e dentistas; e o módulo de principios básicos é aberto.

-¿Que precisa a acupuntura?

-Que se regule en España para exercer; ou para conseguir medicamentos chineses, pois moitos só constan como complementos dietéticos. E para a formación, como fixo Portugal, onde acupuntura se fai en 4 anos e Medicina Chinesa en cinco; iso é perfecto. Outros países europeos teñen tamén lexislación.

-¿Que lles di a quen manteñen que non é científica?

-Que se informen ben. Un recente estudo financiado polo Servizo Inglés de Saúde conclúe que introducir a acupuntura na asistencia resultaría ben do punto de vista do custe e a eficacia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
20 votos
Comentarios

Fernando Salgado Blanco: «A acupuntura con pacientes de dor crónica no hospital dá bo resultado»