Jorge Mira: «Nunca me atopei con ningún divo entre os premios nobel»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

SANDRA ALONSO

Científico, divulgador, deportista, deixou por extenuación o xadrez: «Ten unha violencia sen parangón»

15 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Catedrático de Electromagnetismo, membro da Real Academia Galega, divulgador, deportista, campión de bailes de salón, de xadrez. Si, é certo que forma parte de Mensa, a asociación para persoas de alto cociente intelectual, pero aínda así Jorge Mira Pérez (Baio, 1968) asegura que lle mete moitas horas: «Teño as zapatillas e o pixama no despacho».

-Puxo en marcha o programa ConCiencia, que trae premios nobel a Santiago: que lle dixeron cando propuxo algo así?

-Empezou nun desbarre entre Senén Barro e mais eu. Queriamos facer algo distinto a traer a unha persoa importante a dar unha charla, queriamos que se integrase uns días na vida da universidade. Cumpríanse vinte anos do Nobel de Física a Heinrich Rohrer, que tiña vinculación co meu grupo, e veu. Como saíu tan ben dixen: eu de aquí non me baixo. Despois de 34 ou 35 visitas de premios nobel, medallas field, abel e similares, os estudantes que están en cuarto xa din: cando vén o próximo? Como se isto fora normal.

-Algún que o sorprendera?

-Foi moi rechamante a visita de John Nash por todo o que era, había unha película... Entre esa e a de Stephen Hawking foi un desborde, movéronse en olor de multitudes.

-E a nivel persoal?

-Tiven un excelente rollo con todos, nunca me atopei con ningún divo, fixen moi boas migas con Cédric Villani, Richard Roberts, Roger Kornberg...

-Algunha espiña por algún que non veu?

-Teño algúns en mente, pero non renuncio mentres non morran.

-Ao mellor un día é vostede o invitado do programa.

-É imposible. Noto moitísima diferenza entre os premios nobel e outros grandes líderes da ciencia e o meu traballo. Está moi pero que moi por debaixo do que ten esa xente, e a produción dun físico, se non a fixo antes dos 50, xa é moi raro que veña.

-Que fai un catedrático de Electromagnetismo na RAG?

-Pois estou porque unha das miñas liñas de investigación, que puxen en marcha no 2013, versa sobre como os galegos fomos escollendo os nosos idiomas ao longo do último século, e a maneira na cal fomos escollendo os idiomas responde a un modelo de ecuacións diferenciais.

-E que vai a pasar?

-Con este modelo matemático o futuro é que o galego está nun punto de supervivencia. Non se vai extinguir, pero vai quedar relegado a un uso: o monolingüísmo galego vai quedar acoutado, e vai permanecer sobre todo nun grupo de bilingües.

-Tamén demostrou que o primeiro raio de sol do día non se ve so en Menorca, como eles defendían: é persoa non grata alí?

-Non, pero entrevistáronme nunha canle de radio das illas Baleares e a primeira pregunta foi: «¿Es usted quien nos ha robado el primer amanecer?». En Mahón teñen montado un emporio arredor do primeiro raio de sol.

-Hai que ser moi intelixente para estudar Física?

-Tenche que gustar, ten que ser pasional, vocacional, se non che gusta valo pasar moi mal.

-Fan falta máis divulgadores, sobre todo nesta ciencia?

-Non son tan vello e cando empecei a miña tarefa divulgativa a finais dos anos 90 eramos catro gatos; hoxe en día onde había tres hai 40. Houbo unha mellora extraordinaria.

-Fixo estudos sobre o uso dos idiomas, a artrite, os amenceres: por que escolle temas que entendemos os ateos en física, e outros científicos non?

-O grupo no que nacín era multidisciplinar, e coñezo a tanta xente e estou todo o día currando que estendo as relacións persoais a calquera ámbito do traballo. Debo de ser o único na miña universidade que ten produción científica nas cinco grandes áreas de coñecemento.

-Prepara algunha outra investigación deste tipo?

-Desde fai anos teño aparcado investigar a dinámica de voto, predicir patróns. Ese ente colectivo que é Galicia compórtase da súa maneira, coas súas leis e as súas regras físicas, que existen, o tema é descubrilas.

-Físico, divulgador, deportista: con que se queda?

-Estou moi orgulloso da miña faceta deportiva, gañei campionatos de baile de salón, de taekwondo, en natación sigo en activo. O xadrez deixeino porque de todos os deportes que fixen en ningún sufrín tanto, ten unha violencia que non ten parangón con outro: acabei por extenuación.