Cristina Palacios: «En dous anos pasaron 55 ou 60 menores pola asociación, os menos co apoio das familias, iso é o triste»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

OSCAR CELA

A presidenta da asociación Arela está totalmente en contra de que se patoloxice algo natural como a transexualidade ao esixir un informe psicolóxico

09 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A presidenta de Arelas, a asociación de familias con menores trans, Cristina Palacios, está totalmente en contra de que se patoloxice algo natural como a transexualidade ao esixir un informe psicolóxico, como se fai no Sergas, e lamenta que a maioría dos rapaces que chegan ao seu colectivo o fagan sen o respaldo das súas familias. Este colectivo entregou á Administración sanitaria as súas propostas de protocolo, aínda que de momento non teñen novas de cales delas se recollerán no documento final.

-Pídese no protocolo preservar a identidade e intimidade do menor no Sergas, ¿como?

-Na actualidade se unha persoa non ten cambiado o seu nome legalmente e vai ao médico, se a este lle apetece seguirlle chamando polo nome legal, pode facelo. Imaxínate nunha sala de espera que unha enfermeira di un nome masculino e aparece unha rapaza. O Sergas di que é moi complicado modificar na tarxeta sanitaria o nome se non está cambiado legalmente, pero polo menos respectar que se un rapaz quere que se lle chame dun xeito na consulta, se faga.

-En Galicia séguese a precisar un informe psicolóxico para iniciar o tratamento, ¿está en contra?

-En Cataluña xa se eliminou ese requisito, na comunidade valenciana van aprobar unha lei no mesmo sentido e na de Madrid tamén se recolle que non sexa necesario, aínda que non sei se se cumpre. Pasar por un psicólogo é patoloxizar algo natural, a ninguén se lle ocorre mandar a un homosexual a un psicólogo, ¿por que a unha persoa trans si?

-O Sergas buscará un centro de referencia para tratar a menores trans, ¿é unha boa nova?

-Ter un centro de referencia para que os profesionais estean especializados en certas operacións, para que se faga investigación e se forme a xente entón si, pero se é para convertelo en auténticas comisarías do xénero que deciden quen é muller e quen é home, non. Non te podes nin imaxinar as preguntas que se lles fan ás persoas trans.

-¿Cantos menores trans hai en Galicia?

-Os estudos que se están tomando como bos falan de que hai un por cada mil menores, polo que nacerían cada ano entre 30 e 35 en Galicia. En Arelas en dous anos pasaron 55 ou 60 menores, uns con familias, os menos, iso é o triste. É moi complicado traballar con menores que non teñen o apoio familiar, pero desgraciadamente son os que máis se achegan a Arelas. En global é moi complicado saber os que hai porque é unha poboación moi invisibilizada, mesmo polas familias.