Torres Queiruga: «Non hai nada que Deus non poida perdoar»

E. Á. SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

MARCOS MÍGUEZ

O teólogo galego está a favor da misiva do Papa sobre o aborto e entende que concorda co seu intento de volver ao Concilio Vaticano II

22 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O teólogo galego Andrés Torres Queiruga non só está a favor da misiva do papa, senón que entende que concorda co seu intento de volver ao Concilio Vaticano II.

-¿Que significa este novo paso de Francisco?

-Este é un papa empeñado en proclamar os valores evanxélicos. El di que cando pensemos en Deus non debemos pensar ante todo en leis, prohibicións, premios ou castigos, senón en alguén que creándonos por amor non pensa en máis que axudar, por iso di que non hai nada que Deus non poida perdoar. Neste caso refírese a que hai pecados que na súa formalidade se consideran especialmente graves, e o perdón eclesial, o xurídico, resérvase a instancias superiores. Por exemplo, o do aborto resérvase aos bispos. O papa amplía isto de tal maneira que o sacerdote xa está autorizado, é un avance xurídico. Isto tamén significa que hai que mirar ante todo a actitude da persoa: unha persoa que está arrepentida de algo, certamente está perdoada por Deus.

-Isto non significa que abortar deixe de ser pecado.

-Evidente, pero eu creo que non hai ningunha persoa normal que pense que o aborto como tal é unha cousa boa. Diferente é que poida haber unha xustificación, pero ninguén sensato pensa que é bo. Este cambio tamén é unha concepción máis comprensible do pecado. As normas absolutas normalmente non funcionan na moral, está claro que non hai que matar, pero todo o mundo admite que se te van a matar podes defenderte. Non é o mesmo abortar para manter a liña que abortar por estar nunha situación de tanta miseria que non es capaz de criar aos fillos.

-O papa quere achegarse aos crentes de base, ¿conségueo?

-Si. Cos dous anteriores houbo un certo medo á liberdade, e o papa Francisco vén de estar en contacto cos pobres, coa vida, e quere retomar o Concilio Vaticano II. Comprende que é un pastor, que non ten que andar facendo teoloxías abstractas e estou convencido de que vai pasar á historia como un dos grandes papas.