Miguel Castro: «Hai unha menor empatía global cara ás causas da pobreza e o desenvolvemento»

Castro destaca que Bill Gates é unha persoa «extremadamente intelixente, analítica e moi especial»


Redacción / La Voz

Miguel Castro é un bo exemplo dos galegos repartidos polo mundo que non perden as súas raíces. Ourensán de Cortegada, está afeito a viaxar continuamente, dende a súa oficina en Londres, por Europa, África e Asia. É parte das súas obrigas como senior officer de relacións cos medios da Fundación Bill e Melinda Gates, unha especie de xerente de proxectos. Castro é xornalista, pero chegou un momento na súa carreira en que dediciu «cambiar o periodismo polas causas humanitarias e o desenvolvemento». Primeiro fíxoo na Open Society Foundation, de George Soros, onde estivo oito anos antes de chegar ao seu posto actual. É, polo tanto, un bo coñecedor das fundacións que se dedican á filantropía, unha experiencia da que falará o próximo xoves na Coruña na primeira xornada internacional sobre Comunicación e Filantropía, organizada pola Fundación Barrié con motivo do seu centenario.

-¿En que consiste o seu traballo?

-Fago inversión social nos medios e proxectos de comunicación de carácter social. A finalidade é acadar un efecto na sociedade en función do obxectivo da fundación, que non é outro que que todas as vidas teñan o mesmo valor. Para iso traballamos en temas de igualdade de sexos, de inclusión social, de erradicación da pobreza, de acceder a fármacos para tratar enfermidades esquecidas para as que non hai unha solución, pero que si poderían tela doadamente...

-¿En que proxectos están a traballar?

-Nós non traballamos con proxectos, traballamos con temáticas. Falamos de pobreza, de desenvolvemento, de igualdade de sexos, de acceso aos medicamentos... O que queremos é influír na sociedade para que tome conciencia das necesidades e impulsala á acción, de que se decate, por exemplo, de que é bo axudar á xente que vive con menos dun euro ao día. Nós traballamos nos sitios máis pobres onde as necesidades son máis grandes.

-Se se trata de xerar sensibilidade, parece que a situación actual, na que os países miran máis para si mesmos, non está a axudar moito. ¿Estamos a ser menos solidarios?

-A verdade é que, a nivel global, temos tido momentos mellores. Nós facemos bastantes enquisas para explicar o que pasa e os resultados indican que a situación é preocupante. Hai unha menor empatía global cara ás causas da pobreza e o desenvolvemento. Isto está a ocorrer de forma moi significativa co Goberno de España, que reduciu de forma moi significativa, nun 50 %, as axudas ao desenvolvemento, cando Alemaña, no mesmo período, vai dando máis pouco a pouco.

-¿Pero as necesidades seguen?

-As necesidades non son só de carácter moral ou social, os problemas tamén afectan ás economías dos países. Todos os problemas de saúde global ou de pobreza teñen unha compoñente que limita o desenvolvemento dos países. A mortalidade infantil, que as mulleres non teñan posibilidade de ir á escola porque teñen que casarse novas, a gran mortalidade nos embarazos... Son temas que, se se solucionan, aportan un beneficio para as economías locais, nacionais e internacionais. E un bo exemplo foi o ébola, que demostrou que non sabe de ricos e pobres e que non recoñece fronteiras.

-¿A elección de Donald Trump, máis proteccionista, pódelles afectar, repercutir nesta menor solidariedade mundial?

-É un tema no que non teño capacidade de opinar. Somos unha fundación global e, sexa quen sexa o presidente elixido, nós temos que traballar moi de cerca coas entidades gobernamentais.

-Imaxino que vostede coñece a Bill e Melinda Gates. ¿Cómo é traballar con eles?

-Moitos empregados teñen contacto con eles, xa que dedican tempo á fundación. A honestidade intelectual dos dous é incuestionable. Son dúas persoas cun rigor intelectual inmenso cunha capacidade analítica impresionante. Teñen unha cultura do traballo que se traduce no día a día na fundación, e que vén da súa ética persoal.

-Entende que son contaxiados polo seu espírito.

-Si, nós tamén queremos poñer o noso grao de area para cambiar o mundo. Tomamos o noso traballo moi en serio, e iso herdámolo da personalidade de Bill Gates, que é extremadamente intelixente, analítico, e moi especial.

-¿Hai máis galegos na fundación?

-Desafortunadamente non coñezo a ningún, e tamén hai poucos españois en xeral. Os galegos temos unha ética do traballo que habería que exportar, seríamos moi bos neste campo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Miguel Castro: «Hai unha menor empatía global cara ás causas da pobreza e o desenvolvemento»