Roberto Vilar: «Cheguei a falar con Deus»

SOCIEDAD

Ed

O director do «Land Rober» recoñece que «teño o que teño e son o que son grazas aos tonechos»

13 nov 2016 . Actualizado a las 09:26 h.

Facemos a entrevista na cafetería do Plató 1000, as instalacións de Teo onde se gravan programas como Land Rober ou Luar. Roberto Vilar (Xove, 1971), o novo mago das audiencias, responde mentres dá conta dunha ensalada envasada e o que semellan uns fritidos de polo.

-Vostede seguro que era o que poñía todos os alcumes no colexio.

-Non. Todo o contrario. Na etapa de EXB, non creo que ninguén coñecese a miña existencia. Era moi tímido. Ata límites tremendos. E fixen a secundaria en Mondoñedo, e, en terceiro de BUP [equivalente o primeiro de bacharelato], algo pasou que cambiei. E de non coñecerme ninguén pasei a que o instituto fora meu. Había máis de cincocentos alumnos e non se facía nada que eu non quixera.

-Que lle fixo florecer, unha lectura, un amor?

-Non o sei. Á miña irmá pasoulle o mesmo. Pero foi unha explosión cultural, hormonal, intelectual, persoal... E iso que eu estaba no seminario.

-No seminario?

-Si. Estudaba no instituto, pero vivía no seminario. E ía a misa todos os días. Cheguei a falar con Deus. Agora xa non son crente.

-Hai anos coñecín a historia dun home que vivía nunha casa sen electricidade en Ourol...

-Xa sei, xa sei. Un que facía catro kilómetros para ir ver aos Tonechos. Fomos o Víctor e máis eu e puxémoslle a electricidade, e comprámoslle unha nevera. Máis que a luz, fómoslle dar cariño. Eu fun velo varias veces despois daquela e pedimos ao concello que lle arreglaran a casa pero... xa sabe o que pasa.

-Bota de menos aos Tonechos?

-Eu son fan dos Tonechos. Estou pensando se os boto de menos... pero se o teño que pensar é que non. Paseino moi ben. E sei que teño o que teño e son o que son grazas a eles.

-Que lle din pola rúa?

-A min dinme cousas pola rúa dende 1993. É como unha frase que vin pintada na Habana e que dicía: «El pez no sabe lo que es el agua». Sempre me din cousas boas. É o bo que ten o humor. Ao que non lle gusta, non cho di.

-Di Piedrahita que o humor é como un superpoder.

-Si. É así. E envicia. Eu cando empecei era como unha droga, non podía parar.

-Para ligar, mellor ser guapo ou ser gracioso?

-Na miña época, o mellor era ser insistente. Se te dedicas a pescar, ao final, pescas.

-O outro día rebentou o medidor de audiencia co presidente da Xunta. Como vai Feijoo de sentido do humor?

-Para ser Feijoo, diría que moi ben. E para ser presidente da Xunta, excelente. Se non tivera sentido do humor, era difícil que viñera. Penso que ese programa para quen foi importante, foi para o humor, porque o humor é un dos poucos salvavidas que nos quedan.

-Con que invitado se divertíu máis?

-Son moi de retos. Canto máis difícil, máis divertido. E o de Feijoo foi moi difícil porque nunca antes se fixera.

-E a quen lle gostaría traer?

-O que vai vir o ano que vén: Julio Iglesias.

-Como lle explicaría o que é a retranca a un vizcaíno, por exemplo.

-Uf. Complicado. (Pénsao un chisquiño) Eu utilizo un chiste de Castelao no que unha muller lle dí a outra: Crucéime co teu home e non me coñeceu. E a outra respóndelle: Si, xa mo dixo el. Isto é retranca nivel máximo. A retranca ten unha alquimia que non hai xeito de que se entenda ben fóra.

-Que lle fai de comer súa nai cando vai visitala?

-O que sexa pero moitísima cantidade. Curiosamente, iso é compatible con que che diga que estás máis gordo. -Ten que facer unha longa viaxe en bus e só hai tres asentos libres. Un está ao lado de Leticia Sabater, xunto a Montoro e un terceiro ao lado de Gabriel Rufián. Elixa.

-O terceiro. Xa o elixira antes de saber quen era.

-Que se pon para durmir?

-Camisetas vellas que xa non valen para o mundo exterior.

-Cónteme algunha tolería que fixera.

-Non, non. As tolerías máis grandes que fixen non se poden contar.

-Pois logo, unha das que si se poida contar.

-Fixen tolerías por amor. Unha vez chamei a que agora é miña muller e pregunteille onde estaba. Díxome que en Nova York. Pois mañá ceamos xuntos! E así foi. Collín o avión e inviteina a cear no restaurante de Central Station.

-Déame unha canción para a playlist.

-I call your name, de Willy de Ville.

-Que é o máis importante na vida?

-O outro día coincidín cun xuíz moi experimentado, e pregunteille iso mesmo. Díxome que o máis importante era a humildade.

Roberto Vilar Humorista e presentador. Director do «Land Rober» da TVG