Falece en Madrid o sociólogo, escritor e galeguista Fermín Bouza Álvarez

H. J. P.

SOCIEDAD

PEPA LOSADA

Fillo do intelectual poeta e etnógrafo Bouza-Brey, vivía na capital dende 1969 e era catedrático na Complutense

31 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O sociólogo, escritor, poeta e galeguista Fermín Bouza Álvarez (Santiago, 1946) faleceu na noite do pasado sábado nun hospital de Madrid, a cidade na que viviu dende que en 1969 chegou fuxindo da represión da policía franquista, despois dun axitado maio do 68 compostelán. Na capital española instalouse e converteuse en profesor, e alí deixou a súa fonda pegada entre os estudantes, como sociólogo, na Facultad de Ciencias de la Información da Universidad Complutense, e dende a súa cátedra de Opinión Pública, pero tamén dende a conversa amena ou nas súas constantes aparicións nos medios de comunicación (na prensa, na televisión e tamén no seu blog El voto con botas). Pese á súa enfermidade, seguía moi activo e aínda o pasado 6 de outubro firmaba a súa derradeira entrada na bitácora, na que falaba da «política torpe que ha reducido al PSOE a su estricta caricatura» e non agochaba o seu delicado estado de saúde. «Era luminoso e valente», anotaba Manuel Rivas nun tuit no que se facía eco da súa morte «na hora do fusco».

Fillo do ilustre intelectual, etnógrafo, académico e tamén poeta Fermín Bouza-Brey (Ponteareas, 1901-Santiago, 1973), e neto do escritor Luís Bouza Trillo (1869-1941), Bouza Álvarez foi dende sempre amigo de escribir, como el mesmo gustaba recordar: con 17 anos enviou ao selo Galaxia un libriño de sonetos libres en galego que se chamaba A barlovento e que xamais recuperou; foi o seu primeiro poemario.

Máis alá dos seus estudos e ensaios sobre ciencias sociais, Bouza deixou dúas novelas en galego: Memoria do diaño (1980, na súa orixe un guión cinematográfico) e Longo voo de paxaro (1987). Admitía gostoso o maxisterio de Méndez Ferrín e Carlos Casares. Pero quizais sexa Labirinto de inverno a cima creativa na súa verdadeira vocación de vate (o libro mereceu en 1990 o premio da Crítica española en lingua galega) e na que rescata o paraíso perdido de Galicia, un moi breve período da súa infancia (apenas tiña cinco anos) pasado en Cortegada, na casa da súa avoa.

A súa humildade e a súa capacidade de autocrítica marcaron a obra literaria pero tamén un admirado labor docente. Son un cidadán do mundo, dicía, pero levaba a Galicia no corazón, comprometido o mesmo como poeta que como apaixonado da política.