É o galego que máis veces traballou no continente e o español que fixo máis mergullos de investigación
26 ene 2016 . Actualizado a las 14:06 h.Onte non foi a traballar. Con unha temperatura no exterior de -15 grados e unha forte ventisca con rachas de máis de 80 quilómetros por hora, o que disparaba a sensación de frío, o biólogo galego Javier Cristobo permaneceu xunto aos seus compañeiros no módulo de vida da base española situada na illa Decepción. Nada ao que non estivera acostumado despois de oito campañas de investigación na Antártida. É un episodio que forma parte da rutina do que é o científico galego, natural de Ares, que máis veces foi a traballar no continente branco. E tamén é o español que máis mergullos fixo, 125, nas súas augas ao borde da conxelación, con temperaturas de ata -1,5 grados e baixo a ameaza permanente das candorcas e as focas leopardo. E, aínda que admite que as veces ten medo, di que vale a pena para buscar un prezado botín de mostras con posibles novas especies mariñas. A Antártida, na que leva dende o 9 de decembro e continuará ata o mes que ven nunha misión de tres meses, é a súa paixón. Si pode, repetirá experiencia, porque «é algo que engancha».
-¿É verdade o que din de que a Antártida engancha?
-Sí que engancha. Moitos de nós dicimos que estamos contaminados polo virus da Antártida, que no meu caso é unha infección que dura para toda a vida. Aquí non hai países e as cousas vense doutra maneira. Entre a xente de tódolos países que veñen aquí existe un espírito de solidariedade, de colaboración. Aquí a xente se presta equipos, maquinaria, axuda, sen ter en conta as nacionalidades. E sempre che gusta volver porque sabes que te vas a atopar con amigos. Considérome un privilexiado.
-A nivel científico tamén entendo que é unha gran oportunidade.
-A Antártida é unha gran aventura científica porque é un continente que está libre de toda acción humana. Aquí non hai contaminación nin outros impactos e podes atoparte con cousas en estado primitivo, estable, que levan así centos ou miles de anos. Calquera investigación ten un interese engadido polo feito de se faga na Antártida.
-Pero supoño que tamén haberá momentos duros. ¿Cal é o que peor leva?
-Agora serán tres meses fora da casa e o que máis botas de menos é a túa xente e a túa familia. O Nadal tamén o pasei aquí, e si o botas de menos en familia.
-Traballar en condicións tan duras tampouco será fácil.
-Unha parte dura é navegar nun barco no que o mar se move moito e traballar en condicións extremas con forte vento e frío. Pero a época na que vimos nós, que coincide co verán antártico, non é tan dura. No inverno as temperaturas baixan por encima dos corenta grados baixo cero e os ventos poden estar por riba dos 150 quilómetros por hora. A base na que traballamos está pechada en inverno porque España non ten barcos rompexeos que sexan capaces de chegar aquí.
-Vostede fixo máis de cen mergullos nesas augas. ¿Hai que ter algún tipo de precaución?
-Para mergullarse aquí hai que ter equipos especiais que te cubran case por completo e tes que ter moito coidado de que nada se rompa e te entre a auga. Se unha persoa cae o mar sen esta protección, en cinco minutos pode estar morta. Nuns días imos ir no barco ao sur a unha zona inexplorada, na que ninguén se mergullou, para intentar atopar novas especies. E teremos que ter moito coidado para non atoparnos con focas leopardo e con candorcas, porque é un perigo si aparecen estes animais mariños.
-¿Tivo medo algunha vez?
-Sí, medo si teño, aínda que intentas adaptarte. As candorcas son moi bonitas para ver, pero si te atopas con elas tes que ter moito coidado. E a foca labrador é un depredador grandísimo que hai oito anos matou a unha científica que estaba collendo algas. Eu atopeime con unha a catro metros, pero pasou de largo.
-¿Queda moito por descubrir na Antártida?
-Sí, eu penso que aínda queda moitísimo por descubrir. Hai que ter en conta que é un continente inmenso, de máis de catorce millóns de quilómetros cadrados. Nos xa levamos descritas para a ciencia doce novas especies e confiamos en que dentro de pouco poidamos dar a coñecer outras tantas. A investigación non so se fai aquí, se non que logo levamos as mostras para traballar nos nosos laboratorios.
-¿Imaxinábase algunha vez que ía volver en oito ocasións?
-Parece mentira. Cando vas por primeira vez o fas con moita ilusión e ganas porque te consideras un privilexiado, pero despois de oito campañas sego coa mesma ilusión e tamén co mesmo interese por descubrir cousas e especies novas e publicalas en revistas científicas.
-¿Volverá a Antártida?
-Sempre quero volver, pero non o sei. No proxecto que temos imos facer outra campaña, pero é un equipo de 18 persoas e so poden vir oito, e eu xa estiven moitas veces. Pero claro que repetiría.
«Pode ser a nova farmacia do mar»
No cumio do tótem da base española Gabriel de Castilla, na illa Decepción, onde se atopan os indicadores cas distancias quilométricas a distintos lugares do mundo, sitúase dende o 2003 a localización de Ares. É parte do legado deixado por Javier Cristobo, que presume de aresano cada vez que pode. O investigador traballou nas universidades de Santiago e Vigo e dende hai nove anos o fai no Instituto Español de Oceanografía de Gijón, onde é o director. De feito, a campaña Distantcom, na que participa agora, forma parte dun proxecto no que tamén interveñen varias universidades españolas e a de Harvard. Un dos obxectivos é atopar animais que produzan substancias bioactivas con potencial terapéutico, e mesmo con propiedades antitumorais.
-¿Que é o que buscan?
-Hai un montón de animais, como esponxas, anémonas, moluscos ou equinodermos que liberan uns potentes tóxicos para defenderse dos seus depredadores e que poden ter un potencial uso terapéutico, xa que teñen propiedades antifúnxicas, antiinflamatorias ou antibacterianas.
-¿Pero por qué buscalos na Antártida cando hai outros mares máis accesibles?
-Tamén se buscan noutros sitios, pero a Antártida é un laboratorio único porque os seus ecosistemas están intactos. E tamén é ideal porque aínda nos quedan alí moitas especies por descubrir.
-¿Pode ser a nova farmacia do mar?
-Sí, a Antártida pode ser a nova farmacia do mar.
-Vostede, como testemuña directa, ¿tamén aprecia o efecto do cambio climático?
-Cando vin por primeira vez a Illa Decepción, no 2003, estaba completamente cuberta de xeo. Pero agora xa se pode ver a rocha, o piroclasto, que son as cinzas do volcán que formou a illa, de 10 quilómetros de diámetro. Os meus colegas glaciólogos tamén me din que os glaciares da Antártida están perdendo xeo cada ano de forma exponencial.