Jorge Mira: «Eu quero ir ao ceo»

SOCIEDAD

Pinto & Chinto

É catedrático de Electromagnetismo na USC; falamos en profundidade con Jorge Mira

27 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Citámonos na Cidade da Cultura, onde Jorge Mira (Baio, 1968) ten unha das súas reunións. É un dos catedráticos máis novos da USC e ten practicamente o mesmo aspecto que a primeira vez que o vira, hai máis de quince anos. Fálame do seu último proxecto, estudar a cohabitación do catalán e o castelán en Cataluña. «Vai ser un puntazo», adianta.

-Vaia investigación excéntrica para un físico.

-Agora mesmo traballo en catro liñas de investigación que non teñen nada que ver unhas con outras. Aparte da do catalán, estou nun traballo para ver os procesos inflamatorios na mandíbula nas enfermidades artríticas; outra sobre descontaminación da auga con nanopartículas magnéticas e a cuarta sobre as propiedades magnéticas e eléctricas dos materiais.

-Ese é o seu traballo científico, pero ten tamén unha faceta nos medios.

-Teño unha sección en La Voz e na Radio Galega. Levo o programa de divulgación ConCiencia de invitación a premios Nobel, organizo as Nerd Nites, que xa suman 80 conferenciantes, dirixo a colección de divulgación da USC e vou sacar o meu segundo libro en dous meses. Vai sobre as distancias do universo.

-Vale, vale. Iso é estar organizado ou durmir pouco.

-Non durmo pouco, pero optimizo o meu tempo. Estrésome cando vexo que o perdo. Agora, cando paro, paro. No meu piso non hai nada, pero no meu despacho teño dous pares de pantuflas e unhas chanclas; un pixama...

-Durme alí.

-Non, pero penso que se tivera unha cama durmiría alí. No meu piso non teño nin ordenador. Os fins de semana vou a Baio e alí podo tirarme horas nunha hamaca mirando para as nubes. Cando me poño a perder o tempo non a rasco.

-¿Vai a Baio todos os fins de semana?

-Case todos. No fondo, a miña vida actual non difire moito de cando era estudante. A diferenza é que agora son catedrático e teño coche propio.

-¿E de todas esas facetas, en cal se sinte máis a gusto?

-Eu nacín para ser físico. Sosteño que a física explícao case todo. É o que te axuda a comprender o universo. Fáiseme difícil atopar maior virtude intelectual noutro lado.

-De pequeno quería ser...

-De pequeno quería voar. Piloto, astronauta... Tiña mascotas con alas: un galo. Pelexaba para que deixaran libres as galiñas. Unha vez tireime cun paraugas do tellado.

-Mancaríase.

-Non crea. Ao final, máis maior, acabei tirándome cun parapente.

-¿Coñece a serie «The Big Bang Theory»?

-Si. É divertida, aínda que perdeu frescura. Dinme que me parezo a Sheldon Cooper, e jódeme un pouco, aínda que teño tendencia a ser un pouco cadrado.

-¿Fai deporte?

-Si, claro. Eu gañei o campionato da Costa da Morte de taekwondo, fun campión galego de veteranos en natación, fixen esgrima e vou ás carreiras populares...

Pinto & Chinto

-¿É moi competitivo, non?

-É verdade que ás veces me pregunto: ¿para que carallo estou facendo isto? Supoño que fago cousas para probarme. Quero estar máis san, porque son hipocondríaco. Por iso nunca fixen animaladas; sei onde está o meu tope. E aquí me ten, con 47 anos estou moi ben. Sen desgastes nin lesións graves.

-Cando facía «Cifras e letras», conféseo, editaban o programa para dar coa mellor resposta.

-Non, non. Sempre se gravaba de corrido e paraban se rompía algo, se caía un micro... Era un frenesí, moi estresante, pero é verdade que tiñamos un pequeno apoio informático.

-Era moi popular. ¿Parábano pola rúa?

-Si, si. Parábanme e dicíanme que lles gustaba o programa, ou que non.

-Fíxose famoso por calcular a temperatura do ceo e a do inferno. ¿Onde se vive mellor?

-A nosa conclusión dicía que no ceo.

-Eu coñecín a unha anciá que dicía que mellor no inferno, que alí ían todos os toureiros

-Eu son moi pro sistema. Quero ir ao ceo. Gústanme as cousas ordenadas.

-Vostede foi catequista.

-Son catequista dende 1983. Todos os anos estou con rapaces de entre 15 e 16 anos e doulles a miña opinión sobre moitas cousas. Eu penso que ideas como a de axudar ao próximo son moi potentes.

-¿Que é o máis importante na vida?

-[Pensa un pouco como se nunca reflexionara sobre o asunto] Eu diría que a saúde. Nun contexto amplo. Eu non fago diferenza entre corpo e mente. É todo o mesmo.