«Son hiperactivo»

Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal de la USC, demostra que se lle dá ben case todo, desde ser un dos expertos en xenética máis importantes do mundo ata sacar do mar de Louro un congro tan grande coma el


Hai xusto dúas semanas, Ángel Carracedo (Santa Comba, 1955) firmaba esta mesma páxina, con gran éxito por certo, demostrando que se lle dá ben case todo, desde ser un dos expertos en xenética máis importantes do mundo ata sacar do mar de Louro un congro tan grande coma el.

-Acaba de cumprir 60 anos. Como se atopa?

-Síntome igual que cando tiña 59 ha, ha. Mentres se teña saúde é unha boa idade. Á xente nova que traballa comigo dígollo e non me cren: non lle teño envexa porque teñan vinte anos. É unha idade chea de emocións intensísimas. Están ben os sesenta porque se ten máis estabilidade emocional e máis perspectiva.

-Como foi esa experiencia periodística?

-Moi ben. É incrible, pero por algunhas páxinas recibín máis felicitacións que polo maior premio que me desen nunca. A verdade é que me custou decidirme. Tiña medo a poder ferir a alguén e un certo pudor a contar cousas da miña vida, pero foi todo moi ben.

-Volverá, esperamos.

-É posible si, aínda que agora estou escribindo outras cousas. As lembranzas da miña infancia. Pásoo moi ben escribindo, reláxame moito e as viaxes fánseme máis curtas.

-Unha vez escoitei dicir a un científico que a idea de Deus estaba no cerebro das persoas e que a investigación chegaría a localizala. Está de acordo?

-Non creo que a ciencia poida demostrar a existencia de Deus. É un tema filosófico e non científico. A fe e a ciencia teñen pouco que ver, penso eu, aínda que non son incompatibles.

-Será mellor baixar ao fútbol. Gústalle? Cal é o seu equipo?

-Gústame si. Xa non o practico, pero vexo algún partido. É un dicir, porque poño a tele e estou traballando. Eu son do Dépor, entre outras cosas porque se non o fose tería un problema serio coa familia da miña muller. En realidade practico moitos deportes: saio a correr case cada día, fago pesca submarina as fins de semana...

-Sae a correr co reloxo?

-Antes si, que facía bos tempos. Agora xa non, ha, ha.

-E a pesca... Dáselle ben?

-Moi ben [Carracedo saca o móbil do peto e móstrame unha foto na que o que parece o seu brazo suxeita un enorme congro case tan grande coma el].

-Impresionante. E fuchica moito co móbil?

-Non, non. Non uso o WhatsApp mais que cun grupo familiar. Fago e recibo poucas chamadas. Pero para isto é útil [e vólveme amosar o móbil, esta vez cunha foto suxeitando unha robaliza formidable]. Diferente é o correo electrónico. É un sufrimento. Recibo moitos e non podo respondelos. É un problema que me agobia. Vivimos nun mundo demasiado rápido.

-Música, cine...?

-Encántame ver cine coa familia, e a música e de todo tipo. Pero o que máis me gusta é tocar a guitarra coa miña filla, que toca e canta mellor ca min. Todos os sábados pola mañá espértoa coa guitarra e cantamos xuntos cancións galegas, sudamericanas...

-É vostede un home renacentista. Durmirá pouco.

-Non crea. Polo menos estou bastante tempo na cama. Pero non durmo tanto, son hiperactivo. Déitome ás doce e media e sempre leo algo. Érgome ás oito, así que paso catro ou cinco horas durmindo.

-E le tamén cousas de proveito?

-Non, non. Ben, non sei que quere dicir con «cousas de proveito», pero non levo o traballo a cama. Leo literatura, que tamén me encanta. Ler e escribir. Agora estou en época de reler. Libros que me encantaban cando era novo e que facía tempo non lía.

-Os rapaces agora non len tanto...

-Iso pensa? É posible. Esta­mos no mundo da imaxe. O outro día propoñíanme facer un congreso con imaxes e moi rápido, un congre­so tipo Instagram, formato PechaKucha, creo que lle chamaban. O que a min me gusta é ter tempo cando falo, contar historias. Odio que me digan que teño dez minutos para unha charla. Non me gusta nada un mundo de Instagram, prefiro un mundo que vaia máis amodiño de ler, charlar e pensar.

-E bailar? É o que lle falta.

-Non. Bailo moi mal. Téntoo, pero hai dúas cousas que fago moi mal: bailar e debuxar.

-Vostede viaxa moito. Cal é o sitio máis bonito no que estivo?

-[Pensa un pouco] Non me vai crer, pero vivo no sitio máis bonito do mundo, que é a Costa da Morte. Se tivese uns graos máis e chovese un pouco menos... Pero xa non sería o mesmo, claro.

-E o máis importante na vida é...

-Para min, a xente que me ro­dea. O máis próximo. O obxec­tivo é ter na vida moitos momentiños de felicidade, que xa dixen nestas páxinas que non es­tá relacionado directamente co benestar so­cioeconómico, e una maneira de conseguilo é tratando de facer felices aos demais.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

«Son hiperactivo»