Carlos Pajares Vales: «Facer as tres universidades galegas penso que foi a mellor decisión»

Raúl Romar García
R. Romar LA VOZ / REDACCIÓN

SOCIEDAD

SANDRA ALONSO

Pajares, un histórico da institución, acaba de xubilarse na USC

18 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Gostalle dicir nas súas charlas que o universo primixenio era como unha gran sopa quente. E en certo modo esa é tamén a metáfora da súa vida: a dun tempo convulso, en ebulición, no que lle tocou arrefriar os ánimos, temperar as tensións e ordenar os ingredientes para servir en prato frío a gran transformación da Universidade galega, da que, din, foi o seu gran artífice. Carlos Pajares Vales (Madrid, 1945) foi o primeiro reitor democrático da Universidade de Santiago (1985-1990), cando era a única de Galicia, e o último da institución antes de que se dividira en tres co modelo actual. E a dirixía desde un despacho de cinco metros cadrados, o que fala da súa austeridade. Pero tamén foi o que puxo a Galicia no mapa mundial da física de partículas, traballo no que continuará, aínda que agora profesor emérito despois de que esta semana lle tocara xubilarse de forma oficial aos seus 70 anos. Aínda lle quedan forzas e ideas, porque pese o seu aspecto fráxil, amosa unha grande determinación.

-Parece que o de xubilarse non vai con vostede.

-Cando se cumpren os 70 anos hai que xubilarse, pero como catedrático emérito tiveron a ben seguir deixándome un despacho no que vou a seguir a investigar.

-Vostede foi o último gran reitor de Galicia, o primeiro elixido democráticamente e o primeiro da USC xa en solitario. ¿Cómo foi ese proceso?

-Eu sempre digo que a decisión tomouse en equipo. Aparte de que se aprobara no Parlamento, as 500 persoas do claustro, salvo doce abstencións, votaron a favor. Tiñamos 60.000 alumnos e os nosos estudos dicían que íamos ter 100.000 en pouco tempo, e unha institución de máis de 50.000 alumnos é moi difícil de xestionar. As universidades teñen unha media de entre 15.000 e 30.000 alumnos, que é o razoable.

-Pero non sería fácil.

-É certo que houbo tensións, pero non foi un proceso dramático.

-E agora, 25 anos despois, ¿cree que foi a mellor decisión?

-Sí, sí. Eu penso que facer as tres universidade galegas foi o mellor. Xestionar unha universidade con máis de 60.000 alumnos e sete campus é dunha complexidade enorme.

-¿De algo arrepentirase?

-O único é de certas duplicacións de carreiras que non teñen sentido. Outro fallo foi que non fixemos centros mixtos de investigación con outras administracións, como a Xunta ou CSIC, como se fixeron noutros sitios.

-¿Dase conta de que vostede é historia da universidade galega?

-Cando un se palpa as carnes o que ve é que un é un pobre home. Son Carlos Pajares, ao que lle tocou vivir unha determinada época que foi dura, aínda que tiña un gra equipo, con Luis Iglesias, Guillermo Rojo Emilio Perez Touriño, Alfredo Bermúdez de Castro, Álvarez Corbacho...

-¿Cal foi o momento máis duro que lle tocou vivir nese tempo?

-Cando me queimaron a porta do despacho en San Xerome cando apenas levaba tres meses como reitor. Foi moi duro.

-¿E o seu maior logro?

-O noso obxectivo era facer da USC unha universidade moderna, europea, e creo que o conseguimos. Transformamos unha universidade que en moitas cousas se parecía a unha do século XIX a outra europea de finais do século XX.

-¿De que se sinte máis orgulloso?

-Do tirón que pegue a visión da investigación. Penso que ca nosa xestión hai un antes e un despois na investigación da USC.

-Outro dos seus fitos foi informatizar a universidade.

-Sí, lémbrome que dicían que iso era cousa dos de ciencias. Pero antes a administración se levaba con papel e lapis nunha empresa con 4.000 traballadores, entre profesores e demais persoal. Tamén creamos o concepto de biblioteca universitaria.

-E tamén foi o primeiro, en 1988, en enviar un correo electrónico en Galicia, desde a universidade.

-Sí, é unha anécdota. Tamén familiarizamos a lingua. Na universidade non estaba normalizado o galego, e iso foi algo que se fixo suavemente, sen estridencias.

-Xa no ámbito científico, vostede foi o creador da física de partículas en Galicia, área na que agora é un referente mundial?

-Sí, e tamén fun o primeiro decano de Física. Cando cheguei a Santiago, no 79, o que había de física de partículas era cero.

-E agora a súa área está entre as mellores de Europa.

-Sí. Estou moi orgulloso porque a xente que me seguiu é moi boa. Temos dous Starting Grant e unha relevancia internacional importante, cunha gran produción científica.

-Aínda así, sempre se lamenta de que Física non ten un centro singular de investigación.

-De acordo cos indicadores de 2013-2014, case duplicamos a produción científica do Ciqus (o centro singular de Química), duplicamos o do Cimus (Medicina) e temos catro veces máis que a do Citius (Tecnoloxía), polo que non entendín nunca que non se fixera un Centro Singular de Física.

-¿Perdeu a esperanza?

-Non. Penso que a Xunta, que probablemente empece a menear o I+D, e a universidade terán que facer algo, porque un centro singular facilita moito a investigación.

-Vostede tamén foi o delegado de España no Laboratorio Europeo de Física de Partículas (CERN). E creo que aínda puido ser máis.

-Houbo países, como Francia, Italia e Portugal, apoiados por Alemaña, que me propuxeron como presidente do consello do CERN, pero cando fun a consultalo ao Goberno español dixéronme que non, porque estaban negociando a cuota. Non o entendín.

-Vostede é de Madrid, pero parece un galego máis.

-Claro que son un galego máis. Os meus avós por parte de nai eran galegos, e a miña muller e a miña filla tamén.