Non recuar en equidade

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

SOCIEDAD

12 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai dous indicadores da educación en España moi destacables en relación coa media de Europa: unha maior porcentaxe de poboación, entre 25 e 34 anos, con título universitario e tamén de xoves pertencentes a familias con baixo nivel educativo que acadan esta titulación. Son consecuencia do grande avance da igualdade de oportunidades educativas nas últimas décadas, aínda que esta tamén teña traído consecuencias negativas, como a sobrecualificación ou o subemprego. Nada menos que un 40 % dos titulados superiores ocupan traballos para os que non se require esta formación. A solución está tanto no sistema educativo como no mercado de traballo. A universidade ten que adaptarse máis ás demandas deste, pero tamén é imprescindible unha moito maior oferta de emprego.

A OCDE acaba de recomendarlle a España unha potenciación das políticas activas de emprego, o noso clásico cabalo de batalla. A nivel laboral propón a reforma de contratos e salarios e no educativo dálle unha de cal e outra de area ao Ministerio de Educación. Por unha banda avala a reforma, pero por outra reproba a redución do orzamento dedicado a bolsas de estudo, aínda que teña aumentado o número de bolseiros. España atópase entre os países nos que é mais caro ir á universidade, sen que esta situación quede compensada na mesma proporción con axudas ao estudo. A OCDE pide tamén que se proben outras vías alternativas, como os créditos aos estudantes, implantados con carácter complementario en moitos países. Pero o noso non está aínda preparado, pois sendo moi alta a taxa de paro xuvenil, poucos egresados poderían facer fronte a ditos préstamos nos anos inmediatos á graduación. A temperá independencia dos fillos é impensable hoxe en día.

O que si deberían facer as Administracións públicas para compensar as desigualdades das familias é potenciar medidas xa tradicionais noutros países, como a redución de impostos, os subsidios ou mesmo as bolsas salario. E dar máis subvencións indirectas para paliar necesidades básicas como son o transporte, comedores, residencias ou alugueiros, que tanto demandan os universitarios. O caso é loitar contra o aumento da desigualdade, propia de calquera crise económica.