«España non pode dedicar mil millóns de euros a un só medicamento»

O farmacéutico Xosé María Torres cre que é posible evitar a patente do fármaco que cura a hepatite


ORTIGUEIRA / LA VOZ

Xosé María Torres acada a terceira xeración de farmacéuticos na súa familia. Falamos no despacho da súa botica, en Ortigueira, baixo os retratos do seu avó e do seu pai, aos que me presenta antes de comezar unha charla que se move entre a cooperación e os fármacos. Son dous temas que domina á perfección e que nos levan inevitablemente ao que cura a hepatite.

-¿Dende cando está no mundo da cooperación?

-Dende o 93. No 96 fundamos a delegación de Farmamundi en Galicia e, entre o 2005 e o 2011, estiven ao fronte da coordinadora galega de oenegués.

-¿Exactamente, que é Farmamundi?

-Unha oenegué de carácter sanitario que se dedica a facilitar os fármacos esenciais a quen non dispón de ese acceso. Segundo a OMS, con 350 medicamentos poden tratarse o 90 % das enfermidades.

-Coa crise medra a idea de que é preferible cooperar coas necesidades máis próximas...

-Esa é una escusa que usa o Goberno. Hai pouco escoitei dicir a un ministro que había que pechar a cooperación internacional para non ter que pechar ambulatorios. Iso é unha falacia. Portugal, por exemplo, non recortou a súa axuda internacional. No 2010, España dedicaba o 0,45 % do PIB a cooperación internacional; hoxe estamos no 0,17 %. Baixamos a niveis de 1983, cando España aínda recibía fondos porque era pobre.

-Moitos dirán que seguimos a ser pobres.

-Hai tres tipos de países no mundo: os ricos, os de renda media e os pobres. España está entre os ricos. Pode que haxa un problema económico conxuntural, pero non é comparable con países africanos onde o orzamento de sanidade é de dez euros por persoa e ano.

-¿Que opina da problemática xerada polo Sovaldi, o fármaco que cura a hepatite?

-Aquí houbo unha falta de reflexos por parte do Goberno, que perdeu un ano sen facer un plan para ver cantos enfermos hai e a cales se lle debe subministrar, que seguramente non poden ser todos, senón os máis graves. E logo buscar os recursos para financiar o fármaco.

-É un fármaco moi caro.

-Pois haberá que acadar acordos coa empresa e, se fai falla, saltarse a patente cunha licenza obrigatoria. O Sovaldi bateu xa o récord mundial de ingresos dun fármaco nun ano. E só coa venta nos Estados Unidos. A empresa está tendo uns beneficios que superan con moito os seus custes de investigación.

-Negociar coas compañías farmacéuticas non é unha cuestión doada.

-O prezo de 25.000 euros por tratamento foi froito dunha negociación. Pódese negociar de novo porque España non pode dedicar mil millóns de euros para un só medicamento.

-¿Son as farmacéuticas os malos da película?

-Eu traballei na industria farmacéutica e sentíame moi orgulloso. Os investigadores non son os que fixan os prezos ou as patentes en Filipinas ou Guatemala. No caso do Sovaldi vemos como no primeiro mundo chega un fármaco que cura unha enfermidade e que case non se pode pagar, que precisamente é o problema que sofre case sempre a poboación do terceiro mundo.

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Tags
OMS
Comentarios

«España non pode dedicar mil millóns de euros a un só medicamento»