Nin nos próximos 30 anos

SOCIEDAD

04 ene 2015 . Actualizado a las 10:33 h.

No 2015 de Robert Zemeckis hai dous recursos que sobresaen: coches e monopatíns voadores e a obtención de enerxía por fusión partindo de refugallos. Canto ao primeiro, a levitación pode conseguirse hoxe magneticamente: de feito, este mesmo ano deseñouse un monopatín que flota por repulsión magnética; pero só é posible baixo unhas situacións moi controladas que distan do panorama da película. O soño que nos ofrece o director é máis ben o dun aparello capaz de controla-la gravidade (un soño que explota tamén a película Interstellar, por exemplo), algo imposible na nosa era.

Canto á enerxía de fusión (a desprendida trala fusión de dous núcleos atómicos para dar outro máis pesado), é a que fai funcionar o sol e pode conseguirse dende hai décadas: é o fundamento das bombas termonucleares, por exemplo; pero o seu uso controlado segue sendo unha quimera á que intenta achegarse o proxecto plurinacional ITER. De calquera xeito, aínda que ese proxecto tivese éxito, o resultado non sería nada que se parecese ao motoriño reciclador de latas e plásticos que leva o DeLorean.

Que ben nos viría calquera dos dous inventos! Pénseo: toda a nosa civilización está montada sobre o petróleo, así que conseguir enerxía desa maneira botaría abaixo o sistema actual (con moitas das súas miserias) e crearía un mundo moi distinto, causando unha revolución sen precedentes.Alén dos coches voadores e da enerxía de fusión aparece tamén unha abraiante capacidade preditiva dos fenómenos meteorolóxicos, con precisión de segundos. Saiban que, malia terse avanzado moito neste eido, o da película non se considera nin como hipótese factible no futuro. Si que nos aproximamos no eido da tecnoloxía do consumo: na película aparece un ordenador portátil que ten pinta de tableta, algo que parece unha Google Glass, hologramas moi ben conseguidos, roupa intelixente... Por certo, aproveito para salienta-la obviedade de que sería imposible construír unha máquina para viaxar no tempo coma a do despeluxado Doc Brown. Pódese viaxar cara adiante (todos viaxamos cara adiante no tempo a razón de 1 ano cada ano, e ata se podería viaxar máis rápido), pero non cara atrás. Ah, en 2015 celebrase o 100 aniversario da presentación da teoría xeral da relatividade de Albert Einstein que, alén de revolucionar a física, implicou tamén unha revolución filosófica, da que en certo modo bebe esta película.

Jorge Mirá é catedrático de electromagnetismo da USC