«A Starting Grant é como gañar a Champions, e unha Ramón y Cajal é como gañar a liga»

r. r. redacción / la voz< / span>

SOCIEDAD

24 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Diego Martínez Santos (Foz, 1983) vén de obter a Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC) a unha idade relativamente nova, o que fala a favor dos seus méritos para acceder a un programa de elite da ciencia europea, talento que non foi recoñecido en España para lograr un contrato Ramón y Cajal, para o que este ano só se seleccionaron a 17 científicos para toda España nas áreas de física e ciencias do espazo, o que tamén significa que moitos investigadores de valía quedaron fóra. «Ao final amañeime eu so, pola miña conta», advirte Martínez Santos. Cumpriu o seu obxectivo de retornar a Galicia e prefire deixar a un lado as polémicas. O focense foi elixido polo comité de expertos europeo encargado de examinar aos candidatos, segundo a carta que hai uns días remitiulle o presidente do ERC, aínda que haberá que esperar a que lle concreten a subvención que lle outorgarán, que oscila entre 1,5 e 2 millóns de euros.

-As Starting Grant concédense a proxectos innovadores, na fronteira do coñecemento. ¿Cal é a súa proposta?

-E unha expansión das medidas que se poden facer no LHCb, un dos experimentos do CERN, buscando desintegracións que desafíen as predicións do modelo estándar de física de partículas. A día de hoxe sabemos que o modelo estándar non e unha teoría completa. Entre outras cousas, non inclúe unha descrición de como funciona a gravidade a nivel cuántico, non explica a materia escura. No CERN buscamos pistas que leven a un modelo mellor e a miña proposta permitirá almacenar e analizar unha serie de desintegracións do quark s, que ata agora non era posible estudar. Estas desintegracións axudarannos a construír ou descartar modelos alternativos ao estándar.

-Aínda estás contratado ata outubro do 2015 polo instituto holandés Nikhef, ¿cre que terá problemas para traer o teu proxecto a Galicia?

-Non o creo. Falarei con eles para poder marchar uns meses antes e supoño que non haberá problemas. A miña idea sería empezar en Santiago entre maio e xuño do ano que ven.

-Este ano volveron a denegarlle un contrato Ramón y Cajal para retornar a España. ¿Déronlle algunha explicación sobre os motivos?

-Non o mirei, que fagan o que queiran. Non entendo moito, pero tampouco me preocupa. Unha Ramón y Cajal é algo moito peor que unha Starting Grant, ou que as posicións posdoutorais que tiven nos últimos anos. Se non ma quixeron dar, problema deles.

-¿Pero non entende que é unha incongruencia que non aceptaran a súa proposta, que sí recoñece Europa, cando é un programa para que retornen a España investigadores cualificados?

-No meu caso non funcionou, pero chegado este punto dame un pouco igual. Unha Starting Grant é moito mellor, é como ganar a Champions e o Ramón y Cajal é como gañar a liga.

-Pero da a impresión de que para obter un contrato Ramón y Cajal e volver a España hai que ter currículo de Nobel.

-Penso que non é un problema de currículo. Os que recibiron as Ramón y Cajal non tiñan un currículo mellor que o meu.

-A Xunta sacou un novo programa para captar talento. ¿Podería acollerse a el?

-Pode ser unha opción.