Berta Travieso: «Hai vontade de axudar, pero tamén cansazo de tanta crise e miseria»

Sara Carreira Piñeiro
Sara Carreira REDACIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Cedida por Unicef

20 nov 2014 . Actualizado a las 22:37 h.

Hoxe cúmprense 25 anos dun feito histórico: o 20 de novembro de 1989 a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou un tratado que recolle en 54 artigos os dereitos dos nenos, uns dereitos que as nacións asinantes (194 a día de hoxe) vense obrigadas a cumprir. Berta Travieso, galega do Ribeiro, fala do traballo de Unicef nunha data tan sinalada. Esta galega filla de emigrantes en Suiza é o exemplo perfecto de cooperante humanitaria. Travieso estudou Traballo Social en Santiago e fixo un máster en Asuntos Humanitarios en Xenebra. A partires de aí, sempre traballou en temas relacionados cos dereitos humanos. Primeiro con refuxiados, despois con mulleres e nenos vítimas de violencia de xénero e, dende 1999, como cooperante: Camboia, Afghanistán, Sudán, Kosovo e República Democratica do Congo, onde comezou como xefa de oficina de terreo con Unicef en 2011, foron os seus destinos. Agora desenrola o mesmo posto en Zahle (Líbano).

-¿Qué fai Unicef no Líbano?

-O Líbano acolleu a máis de un millón de refuxiados e, naturalmente, é un peso enorme para un país cuns catro millóns de habitantes. A demanda sobre o sistema educativo e sanitario, o emprego e a vivenda é fora do común. Unicef ofrece auga e saneamento, espazos educativos temporais, clínicas móbiles... Agora mesmo estámonos a preparar para o inverno, que é moi frío nesta zona montañosa, con neve a partir dos 800 metros.

-A guerra dura tres anos xa, e hai rapaces que poden perder a súa escolarización. ¿Como arranxar iso?

-Existe un compromiso rexional e internacional para evitar que isto pase, cristalizado no programa RACE (Reaching All Children with Education), no que se inscribe a iniciativa de Unicef No Lost Generation. Trátase de facilitar que os nenos e nenas sirias poidan acceder ó sistema educativo no país no que se refuxiaron e, se non é posible, de proporcionarlles unha educación informal que inclúe a lectura e a escritura en árabe e inglés, matemáticas, ciencias e habilidades para a vida, na que se abordan temas de hixiene, saúde, nutrición, protección e dereitos.

-Coa súa experiencia, ¿cómo é a resposta dos países ricos?

-Hai unha enorme vontade de axudar, se ben e certo que ás veces existe unha especie de cansazo de tanta crise, de tanta guerra e miserias. Ademais, o feito de que moitas familias estean nunha situación difícil, por causa do desemprego e da redución de servizos, xoga un papel importante.

-¿Hai algún encaixe entre o mundo occidental e o musulmán?

-O que me parecería incrible é que non o houbese. Por suposto que si. Só temos un planeta no que vivir e imos ter que encaixar todos. Practicamente tódalas persoas de relixión musulmán que coñecín ó longo da miña vida, en Afganistán, Sudán, a República Democrática do Congo, no Líbano, e en tantos outros lugares nos que estiven, son tolerantes e respectuosas cos demais. O mesmo pasa co mundo occidental. Non creo de debamos xulgar a millóns de persoas polo feito de que unha pequena minoría fanática utilice a relixión como escusa para acadar o poder.

-¿Pensa que vida quere ter despois de Unicef?

-Para min, traballar en Unicef é un soño feito realidade, porque permíteme dedicarme ó que máis me gusta, que é contribuír a realizar os dereitos das nenas e nenos que máis o necesitan, dereitos como nacer con boas posibilidades de sobrevivir, crecer, aprender e vivir protexidos contra os abusos, a violencia e a explotación. A infancia de hoxe son os novos cidadáns de mañá, e cada esforzo que fagamos ao seu favor é un paso ao fronte para toda a humanidade. Así que espero poder seguir traballando con Unicef por moitos anos, e despois, poder retirarme ao meu Ribeiro querido.