Juan Carlos Agustín Espasandín: «Cando che din que o teu corazón está terminal, agárraste ao que sexa»

r. domínguez A CORUÑA / LA VOZ

SOCIEDAD

Juan Carlos Agustín Espasandín, portador del primer corazón artificial implantado en Galicia, en el Chuac
Juan Carlos Agustín Espasandín, portador del primer corazón artificial implantado en Galicia, en el Chuac MARCOS MÍGUEZ

Rodeado dos médicos do Chuac que o tratan, o portador do primeiro corazón artificial implantando en Galicia asegura que «Non o pensei, a miña vida ía ir a peor e xa non era boa»

21 feb 2021 . Actualizado a las 12:03 h.

Aínda que con 2,5 kilos de máis, os que pesa a mochila que leva o miniordenador e as baterías do seu novo corazón, Juan Carlos Agustín tense quitado un bo peso de encima. O de «non ter expectativas», comentaba nos corrillos cos médicos. «Mellorar, xa mellorei bastante; agora fago vida normal, non estou en observación», dicía onte pola mañá medio abraiado pola nube de flashes e cámaras no Hospital A Coruña. É de Vimianzo, ten 38 anos, unha nai de 78 anos «que non leva moi ben iso de levar dentro algo mecánico», muller e unha filla de 19 anos. E dende o 7 de outubro o primeiro corazón artificial implantado en Galicia.

-Todo isto empezou por..?

-Tiven un infarto masivo. Foi o 12 de xaneiro do 2009, estaba traballando na empresa de escavacións e deume. Leváronme en helicóptero a Santiago. Estiven en críticos, puxéronme un stent. Daquela dixéronme que era grave, pero non canto me quedara afectado. Pero xa nada foi coma antes. Logo pedimos o cambio para Coruña, porque nos tocaba e coñeciamos as referencias de cardioloxía do hospital. En abril, puxéronme un desfibrilador. Así empezou a peregrinación, a urxencias cada dous por tres, moitos ingresos...

-E propuxéronlle o trasplante.

-Empezáronme a falar do trasplante pero xa me apareceu a hipertensión pulmonar. Déronme tratamento, pero non remitiu. E pasaron así cinco anos. Este ano fixéronme máis probas e propuxéronme facer unha reconstrución de todo o corazón e máis reparar a válvula mitral. Foi en xullo. O día anterior á operación, o propio doutor Cuenca aconselloume que non entrara no quirófano. Foi cando me dixo que a única solución era isto.

-Oíra falar do tema?

-Xa vira algunha reportaxe...

-Tivo medo?

-Medo, medo... Non, non lle tiven medo. Cando che din que o teu corazón está terminal, agárraste ao que sexa. Claro, claro, non o tes, pero púxenme nas súas mans. Estou contento e orgulloso deste equipo médico. Non o pensei. Aquel mesmo día, á media hora, dixen ¡adiante! Non me quedaban opcións, nun ano ía ir a moito peor e a miña calidade de vida xa non era boa.

-Como era?

-Pouco saía da casa. Me cansaba moitísimo.

-E agora?

-Pouco a pouco, a recuperación é lenta. Noteino cando me pasaron a planta, porque podía camiñar. Antes nada de subir escaleiras, nin unha pendente, nin un peso... non podía beber, tiña os líquidos moi restrinxidos porque retiña moito. Agora ando co botellín na man a todas partes. Foi gracioso, porque cando saín da operación as enfermeiras dixéronme que tiña que beber moito. E entón díxenlles: pois agora non teño sede.

-Como foi a saída do hospital?

-O xoves pasado. Foi o primeiro día que saín. Fomos a Santa Cristina, a pasear. Parece mentira, camiñar...

-E a volta á casa?

-Á casa xa fun, claro, aínda que estou no hotel de pacientes para non ter que vir tódolos días para as analíticas. Din que a partir da próxima semana xa non teño que vir tan a miúdo, así que marcharemos.

-Que é o que máis lle apetece facer?

-De momento teño ganas de recuperarme de todo e poñerme ben para poder estar en condicións.... Non son home de vicios (ríe). Gustábame moito camiñar, ía pescar a Baio, pero deixeino porque xa non podía, cansábame moito. Agora poderemos volver...

-E imponlle o control do aparatiño?

-Ui!! Fixen, fixemos prácticas. A aprendizaxe xa empezou antes da operación cun simulador, para o tema de conectar as baterías, por si salta unha alarma... O máis importante é que nunca lle falte corrente, pero pódese cargar incluso no coche!.