Inútiles tarefas

Fernando Lacaci VICEP. DE LA CONFEDERACIÓN ANPAS GALEGAS

SOCIEDAD

28 sep 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Os nosos fillos e fillas acoden ás súas clases na escola pública cinco horas cada día lectivo, alí atopan excelentes profesionais que saben dosificar o esforzo e a aprendizaxe, adaptando o traballo ás capacidades de cada quen para que caiban nese tempo do que dispoñen. Cando marchan para casa comeza para eles un tempo no que teñen que aprender outras cousas igualmente necesarias: a xogar e convivir con outros nenos e cos adultos, a crear hábitos saudables de hixiene e organización, a se alimentar axeitadamente e a descansar todo o que precisan. O que non poden é seguir a traballar como na escola, porque a súa xornada laboral xa rematou. ¿Ou é que cinco horas diarias de atención e concentración extrema, de descubrimento de novos coñecementos, semellan pouco traballo? Dende a Confederación de Anpas Galegas pensamos que a todo o alumnado de primaria tería que lle abondar coas horas de clase para facer e aprender todo o que precise academicamente, e se non é así teriamos que pensar que os contidos e os traballos están mal planificados por parte da Administración educativa; e será na resolución desa planificación onde teñamos que pór o acento, e non sobrecargando aos nosos fillos con inútiles tarefas extraordinarias.