Si, pero con condicións

Celso Currás EXCONSELLEIRO DE EDUCACIÓN

SOCIEDAD

28 sep 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Na nosa etapa no Goberno de Galicia, en desenvolvemento da derrogada Loxse, reducíronse os deberes escolares e mesmo prohibíronse en educación infantil e primeiro ciclo de primaria. No contexto actual considero que son necesarios e positivos, sempre que se dean catro condicións: que sirvan para recuperar, consolidar ou ampliar competencias ou coñecementos do traballo cotián na aula, debendo estar, xa que logo, moi ben preparados polos docentes; que sexan motivadores e teñan unha duración adaptada á idade, sen impedir o tempo de ocio; que poidan, en fin, ser realizados autonomamente polo alumno. Deste xeito non teñen por qué acentuar as desigualdades entre os estudantes e deben contribuír a crear hábitos de estudo e traballo intelectual.

Pero os deberes teñen dous grandes inimigos: as novas tecnoloxías e as actividades extraescolares, que son unha verdadeira obsesión para os pais. Un de cada tres rapaces pasa máis de tres horas diarias en Internet, dedicando un 75 % deste tempo ás redes sociais. A televisión róuballes tamén preto de dúas horas cada día. Se por riba van a clases de música ou idiomas, carecen dun tempo imprescindible para o traballo persoal, con ou sen deberes. É outra causa do elevado fracaso escolar.