Fins e comezos


Deli mira pola fiestra. Non ten emprego. Non ten casa. Non ten amizades coas que saír tomar os viños. Mais está convencida de que volveu á vida. Cando a xuíza lera o veredicto, cando Vicente fora condenado a prisión e se abriran as causas contra Rafael algo nela colleu o seu sitio. Non de todo, mais polo menos en certa medida.

Á xente interesáballe o escándalo. Os medios andaran detrás dela dende o momento que transcendera que fora a responsable de entregar as probas claves ao fiscal. Por fin puidera falar con Ricardo e con Bea. Con Ana. Por fin tivera o valor de chamar, de pedirlles perdón non sabía por que pero tiña que facelo. Estaba claro que non ía recuperar a súa amizade, que o dano feito superaba a reparación e que ela ficaría asociada no seu universo a unha persoa noxenta e sen escrúpulos. Tampouco podía deixar de pensar no dano xa irreparable e sobre todo na multitude de casos nos que nunca se chegaba a facer xustiza. Iso seguíalle quitando o sono.

Vicente tentara falar con ela. Ata lle mandara unha carta que botou ao lixo sen abrir. En calquera caso, tanto lle tiña xa porque estaba para vender o piso e axiña non tería onde escribirlle. A menos que a súa mai lle dese o enderezo, cousa altamente probable porque a súa mai todo aquilo seguía sen velo. A negación era unha maneira de enfrontarse ao terrible, para quen podía gozar de tal luxo.

-Mais ti non miraches para outro lado -dixéralle Couto.

-Ti o que pasa é que me viches pequena e pensaches que era parva -Deli dálle un grolo ao viño. Couto ten un riso cantareiro.

-Pode ser.

-Non é de estrañar. Ata eu pensaba que era parva.

Couto deixáralle ficar no piso que tiña preto da praia e víanse cada vez con máis frecuencia. Ela metérase con el.

-Que son agora? Testemuña protexida particular túa? -mais non puidera negarse. Non tiña onde ir. Couto aseguráralle mil veces que non era molestia, que estaba tentando vender o piso, traíalle demasiados recordos, e que por favor non o interpretase de ningunha outra maneira. Deli accedeu porque a pesar do agradable da compaña de Couto ela tampouco estaba para pensar «de ningunha outra maneira». Tiña claro que non quería seguir vivindo a vida de costas. Toda aquela merda tiña que valerlle para algo, ademais de para non volver facer máis a manicura. Mais que exactamente? Ela só sabía de números.

-Poderías traballar para nós -así que a iso viñera Couto aquela tarde, a facerlle unha proposta laboral.

-Para nós? Quen sodes vós?

-Non uses a estratexia de ir de parva que non caio.

-Queres que traballe para a policía? Pero se non dou o talle! -Deli indicou o seu mínimo corpo.

-Vouche dar eu a ti talle. Falo de traballar como asesora. Ou empezar por aí. As redes de tráfico de persoas e o crime organizado en xeral basea a súa actividade nisto -e fai o aceno dos cartos cos dedos.

-Branqueo de capitais.

-Exacto. Fai falla moi boa vista para atopar as costuras de todas esas estruturas. E a fin de contas é todo un mercado, sen capital non hai negocio. Ti xa entendes diso.

Deli colleu aire. Que outras opcións tiña? Aquilo víñalle ao dedo. E grande en xeral. Mais pensou en Ana e sobre todo nas mozas de Lala. Non podía deixar a desconfianza, estaba sempre vixilante, mesmo con Couto.

-Pensareino?

-Só iso? -Deli asente-. E ir á praia con Miriam esta fin de semana?

Miriam era a súa filla. Deli seguía sen entender moi ben os pequenos pero Miriam era calada e unha amante do ábaco. Entendíanse sen fin mediante os números.

-Iso pensareino tamén.

RESUMO

Deli regresa de Madrid. Cando entra na casa a ira apodérase dela e nin na máquina de coser consegue acougo. Racha os traxes de Vicente, rompe pratos e aparellos e todo o que pode, ata que por fin fica durmida. No banco atopara probas dos pagamentos de Rafael Torreiro á rede de pederastia. Repara no moble para cedés que lle fixera Vicente. Ao destrozalo, aparecen varios discos ocultos, a proba definitiva que precisaba.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

Fins e comezos