Tirando do fío


O inspector Couto aseguráralle que podía contar con el para o que quixese. Era raro que só houbese unha vítima. Mais había abondos pederastas que se daban controlado, así que tampouco se podía descartar. Aínda así, a única chave que podía abrir aquela porta era atopar outras nenas, rachar co silencio, atopar algún vídeo que dese soporte ao testemuño de Ana. Por máis voltas que lle daba, Deli non era quen de caer na conta de quen poderían ser esoutras nenas, non lembraba que Vicente tivese trato con ningunha. Ela non mentira en ningún momento, pero vistas como estaban as cousas quen sabía. Entón lembrou a pregunta? As viaxes. Isto era. Iso tiña que ser. As viaxes. Os días «libres» nos que Vicente podía campar ao seu aire e buscar e mercar as nenas que quixese. Mais como ía ser quen de demostrar iso? Malamente podía regresar a Tailandia, ou a Marrakesh e poñerse a buscar nenas que coñecesen a Vicente, indicios de que se deitase con elas? Aínda que as atopase, o tempo era moi breve, o xuízo non había durar moito máis. As cousas dábanlle voltas e máis voltas na cabeza.

Decidiu entrar no seu cuarto de costura e encher o aire co son da máquina por ver se se tranquilizaba. Era iso ou poñerse a esnaquizar as cousas de Vicente unha por unha. Sabía que hoxe non podería durmir na cama que compartira con el. Hoxe e se cadra nunca. Iso se era quen de durmir. O teléfono non deixaba de iluminarse con chamadas da avogada e da súa mai. Mandáralle unha breve mensaxe a esta última: «Aínda sen novidades. Xa chamarei».

Non quería poñer a tele por se saían informacións ao respecto. Nin a radio. Nin nada. Só quería sentir o son da máquina de coser. Sabía que logo tería que desfacer todo, non estaba concentrada pero polo menos valíalle de algo.

Foi xusto cando lle tentaba poñer o reberete a un retallo que levantou a vista e o viu. Deixou todo tal cal estaba e buscou na sala o seu móbil.

-Tiven unha idea -dixo en canto Couto respondeu.

-Dígame.

-Preciso acceder ao ordenador do meu home. Nel está a contabilidade das súas viaxes que eu me encargaba de organizar e levarlle.

-Déixeme que fale co almacén de probas para que o liberen. Pero que é o que busca nesa contabilidade?

-Creo que o meu home utilizaba as viaxes para deitarse con nenas. Obviamente non podo ir ao estranxeiro pero si podo ir a Madrid. O meu home viaxaba todos os meses por cousas do partido. Na contabilidade están as facturas dos hoteis nos que paraba. Creo que cómpre facer unha visita á capital do reino.

-Doulle unha chamada en canto teña aquí o portátil.

-Inspector?

-Dígame.

-Se cadra é hora de que deixemos de tratarnos de vostede -e a Deli, no medio de todo, pareceulle sentir ao inspector sorrir do outro lado da liña.

-De acordo.

En menos de media hora atuábanse na comisaría diante do portátil de Vicente. Deli tomaba nota dos nomes dos hoteis e facía reserva nun para o día seguinte. Sempre lle chamara a atención o hábito de Vicente de cambiar seguido de hotel. El argumentaba que era complicado en Madrid ficar sempre no mesmo sitio mais agora ela empezaba a interpretar as cousas doutro xeito. Cumpríalle borrar pegadas e moverse nunha certa escuridade.

-Este é o teléfono dunha compañeira galega que está agora en Madrid. É experta neste tipo de casos, ela botarache unha man.

-De acordo -cando ía marchar dá a volta-. Couto? E non vos estarei facendo eu o traballo?

El sorrí de novo.

-Sen dúbida. Mais xa sabes, a fin de contas somos funcionarios, temos fama de langráns.

RESUMO

Convencida da culpabilidade de Vicente no caso de abusos a Ana, Deli pensa en como pode demostralo e axudar a que a xustiza trunfe no caso. Chama ao inspector Couto para explicarlle por que sabe que o seu home cometeu un noxento delito e que debe pagar por el. O policía exponlle as dificultades, xa que hai poucos casos que cheguen aos tribunais e hai moitos homes culpables que porén saen libres.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Tirando do fío