A policía a xuízo

María Reimóndez

SOCIEDAD

18 ago 2014 . Actualizado a las 14:15 h.

-Que queres dicir que dende o partido non mandaron aínda a contabilidade? -Deli non pode crer o que lle di a avogada, tan serena. Efectivamente, déranlle acceso aos documentos pero agora non estaban dispostos a deixalos como proba no xuízo sen que mediase unha orde da xuíza.

-Parece ser que queren iniciar un proceso de negociación.

-De negociación?

-Rafael Torreiro débelle de ter afecto ao teu home.

Deli fica desconcertada.

-Quere negociar con Ricardo. Que retire a denuncia.

-Como?

-Se retira a denuncia, o partido non presentará cargos.

-Pero a xustiza actuará de oficio...

-Si, pero será máis complicado. Xa sabes, fan falta probas -a avogada chíscalle un ollo-. Coa Lei da Propiedade Intelectual as trituradoras están á orde do día.

Deli ten que conter a respiración para asimilar as noticias. En serio ía ser esa a maneira de pechar o caso? Non o podía crer.

-E que di a outra parte?

-Polo de agora, négase -a avogada encolle os ombreiros como afectada por un leve contratempo-. Así que temos que seguir coa dobre estratexia que xa comentamos. Reforzar a Vicente e desmontar a outra parte. Un pederasta sen antecedentes e sen quilos de porno no ordenador dá un mal acusado.

A avogada referíase á primeira parte do xuízo na que declararan a policía e algúns expertos forenses basicamente para dicir que non atoparan nada nin no ordenador da casa nin no do traballo, nin outras vítimas posibles ou testemuños que puidesen corroborar a historia.

O inspector Couto fora unha das persoas que declarara e a avogada aproveitara para preguntarlle pola foto desaparecida dos documentos contables.

-E non lle parece a vostede estraño que non houbese ningunha foto no móbil?

-Por suposto. Semella que alguén tomou a molestia de destruír todos os arquivos.

-Se o meu defendido argumenta que no móbil había unhas fotos que podían demostrar que foi implicado neste caso para cubrir unha trama de corrupción, daquelas malamente parece lóxico que el mesmo borrase a proba.

-A menos que houbese outras fotos que o involucrasen neste caso. A fin de contas, o asunto da corrupción saíu á luz de todos os xeitos.

-Ou a menos que alguén tivese acceso ao móbil despois de que este fose requisado, fixese un traballiño de favor á parte contraria, non fose ser o caso.

-Señoría! -o fiscal ergue a voz-. Protesto! Se comezamos a poñer en dúbida a lexitimidade do traballo policial entón será mellor pechar os tribunais.

-Admítese, pero señor fiscal, non se poña dramático.

O inspector Couto aínda ten que contestar un par de preguntas máis. Ao baixar do estrado míraa intensamente e con seriedade. Deli non sabe que facer desa mirada. Que é o que quere dicirlle? Síntoo? Parece que tiña vostede razón no da corrupción? Como ousa poñer en dúbida o meu traballo? Ou estará máis ben pensando na súa filla pequena? No que faría se chegase á casa dicindo que alguén a quen quería e en quen confiaba a tocou onde non debía? Deli non pode evitar estes pensamentos ao ver o corpo tenso de Bea. Rexistra case sen decatarse cada un dos seus movementos, o xeito en que respira ante certas cousas, a maneira en que se lle pon vermello o pescozo de indignación. Míraa nada máis de esguello, pero ela sabe que non vai dirixir a vista cara ao banco do acusado nese momento, sabe que está atenta a todo o que se diga porque lle vai a vida niso. Deli non pode evitar fixarse en que leva un vestido precioso para o cal ela lle fixera un abrigo colorista e defectuoso. Ten a certeza de que neste momento o abrigo seguramente descansa no fondo dalgún colector do lixo. Non pode culpala.

RESUMO

Comeza o xuízo, con Vicente no banco dos acusados para responder duns presuntos abusos a unha menor. Ricardo, o pai da suposta vítima, tamén ten que pasar polo seu proceso, xa que é sospeitoso de formar parte dunha trama corrupta. Vicente cre que a acusación contra el obedece a que descubriu os descadres na contabilidade do partido, responsabili- dade de Ricardo. Deli observa aos dous homes e a Bea, dona de Ricardo.