Preguntas delicadas

María Reimóndez

SOCIEDAD

14 ago 2014 . Actualizado a las 21:04 h.

O inspector Couto estaba moi interesado en saber da relación de Vicente con Ana. Ela non tiña nada novo que lle dicir. Finalmente preguntoulle polo carácter da nena.

-Non sei que dicirlle, a min pareceume sempre que tiña o carácter habitual dunha filla única consentida.

O inspector pecha un intre os ollos, como recapitulando ou collendo forzas.

-Perdoe que lle vaia facer estas preguntas pero son importantes e vostede é a única á que podemos preguntar.

Deli intúe o que vén agora.

-Gustaríame facerlle algunhas preguntas sobre os comportamentos sexuais do seu home.

-Pouco hai que contestar nos últimos tempos -o ton de Deli tenta ser distendido, mais non dá-. Pregunte vostede. Despois de quince anos de matrimonio é normal que haxa certas cousas que pasen a un segundo plano.

O inspector Couto sorrí. Cando sorrí os seus ollos fanse pequenos e o seu rostro semella máis cálido.

-Sabe se o seu home é consumidor de porno?

-Comigo non.

-E... -é evidente que lle resulta incómodo preguntar.

-Inspector Couto, voulle ser sincera. A miña experiencia sexual é moi limitada. Dentro diso non atopei ningún comportamento do meu home, nin cando aínda me tocaba nin agora, fóra do normal. Cando aínda me tocaba gustábanlle as fantasías e os xogos, como a moita xente. E cando deixou de tocarme entrou no patrón de normalidade das parellas que coñezo. Os homes abúrrense, por moito que socialmente se nos faga crer o contrario. Perden interese. Nosoutras moitas veces non. E aí unha decide.

Deli non pode negar a frustración inicial, a incomprensión ante aquel rexeitamento silencioso e sutil do primeiro momento. Aquel tentar tocalo e que el dese a volta na cama. Os bicos rituais sen o máis mínimo interese. Doéralle. E moito. Unha dor íntima de quen se sente rexeitada, desbotada. Se cadra había outra, mais nada parecía indicalo. Se cadra iso era a vida e xa non habería máis noites de paixón, había que aceptalo. Non era morte de ninguén. Mais naquela altura ela aínda lembraba. A súa lúa de mel en Tailandia, aquela calor e o desexo de Vicente a cada paso. Logo os xogos, nos que lle pedía tantas veces que fose outra persoa. Nos que lle tapaba os ollos e lle «daba de comer coma a un paxaro». A Vicente gustáballe -dixérallo naquela altura- que o tocase sen saber. Excitábao que a outra persoa non soubese que parte do corpo lle lambía ou lle tocaba, a liña entre o inocente, o erótico e o sexual, chamáballe el. A Deli gustáballe non ter que usar o sentido da vista e poder gozar do resto, sen saber que era o que lle ía pasar polos beizos, que tipo de xogo se ía establecer. Moitas veces puña marmelada, mel, nata ou chocolate no seu corpo para que ela zugase e lambese ás cegas. Ela pensaba que lle gustaba máis o seu sabor. Sabor a ser humano, a persoa desexada, a pel coñecida. Mais nunca llo dixera. En calquera caso, había séculos diso.

-E vostede? Como é a súa vida sexual? -dixera Deli para quitarlle ferro ao asunto, tentando gastar unha broma, algo que polo xeral se lle daba pesimamente.

-Inexistente -unha sombra pasou pola cara de Couto-. Hai un ano que perdín a miña parella, teño unha filla pequena. Pouco ánimo e menos tempo.

Deli ficou un intre observándoo.

-Síntoo -puido dicir á fin. Coa sensación súpeta de que aínda había un mundo alén de todo aquilo. Un mundo habitado por persoas que padecían outro tipo de traxedias nas que ninguén lles preguntaba pola súa vida sexual pero que seguramente estaban cheas doutras preguntas e respostas igualmente duras e desagradables.

RESUMO

Deli volve entrevistarse na comisaría co inspector Couto para tratar o caso do seu home, Vicente, detido e acusado de abusar dunha nena. O policía confirma que levan quince anos de matrimonio, nos que non tiveron fillos. A conversa fai que Deli lembre o momento no que quedou embarazada e llo comunicou a Vicente, quen reaccionou con pánico e, sen darlle máis opcións, organizou un aborto en Londres.