Tirando nasas

Capítulo IX da obra «A dúbida», de María Reimóndez, gañadora do premio outorgado por La Voz. Le aquí os capítulos anteriores


Deli entra pola porta do despacho. Sobre a mesa están os periódicos da mañá. Vicente segue de portada. A nena fora trasladada de colexio. Os repasos da súa vida política. As claras referencias a un compañeiro de partido. Filtracións de detalles que ela non desexa saber. A vida da nena aberta nas páxinas do xornal coma se fose un cadáver. Mais esa nena está viva, viva neste mundo. No mesmo no que ela recibe chamadas insistentes dun imbécil de Radio Nacional, que insiste en coñecer «a súa versión dos feitos». De que feitos? Pregunta ela para si. Finalmente seguira os consellos da avogada e mercara un móbil novo.

Rafael dálle dous bicos e faille un aceno para que sente. Lémbrao na tele, dicindo aquilo de que todo o mundo é inocente blablabla e que polo tanto o partido non vai falar de Vicente ata que o faga a xustiza.

-Deli, querida, que tal estás? Precisas algo?

Deli simplemente sorrí.

-Xa sabes que oficialmente non podo pór ao teu dispor moitos medios pero extraoficialmente estou aquí para o que precises. Que tal está Vicente?

-Non moi ben. Pero non hai maneira de sacalo da cadea. A avogada nova presentou varios recursos pero nada. A xuíza parece ser moi estrita.

-Ha ser unha lurpia desas afectas á oposición. Os xuíces son todos unha panda de langráns con delirios de grandeza. As mulleres, dobre. Vingativa seguro. Este tipo de cousas non as deberían de xulgar mulleres, sempre se poñen do lado da muller e así nos vai. Desfacendo vidas de homes inocentes. Ou iso penso eu.

A súa frase final mítica. Non era sorprendente o que acababa de escoitar, Rafael non ocultaba as súas «opinións» sobre as mulleres, algo que lle causara máis dunha dor de cabeza. Deli sabía que no fondo, el que as representaba como vingativas, estaba resentido porque a súa (ex) muller se fartara de facerlle de zapatilla e se divorciara del. No seu partido non se daban os divorcios. Fora unha humillación, e iso que ela non se dedicara a ir logo lercheando por aí. Todo o mundo sabía que Rafael só quería mulleres de adorno. Se por el fose estarían todas facendo calquera irrelevancia. Por iso ela tampouco lles votaba. Algo, iso si, que nin Vicente sabía.

-Rafael -Deli volve ao despacho-, Vicente ten a sospeita de que todo isto é unha vinganza de Ricardo.

Rafael inclínase cara adiante para escoitar mellor.

-Que queres dicir?

-Cre que Ricardo pode estar involucrado nun caso de corrupción. Hai uns días viulle uns papeis estraños. Fíxolles unhas fotos co móbil e desapareceron.

Rafael engurra o bico.

-Iso podería explicalo todo, claro está. E por suposto que non vou consentir prácticas corruptas no partido. Fixeches moi ben en vir a min. Déixao todo da miña man, xa verás como a cousa se soluciona.

Deli sorrí. Como se fose tan parva. Pero o importante é parecelo, algo no que o seu aspecto axuda considerablemente. A muller desvalida, miúda e insignificante. Igual que facía cos informes crediticios, non tiña nin que finxir, os prexuízos da xente xa facían sós o seu traballo. Era evidente que en Rafael non se podía confiar, que el era quen tería máis puntos para recibir o lucro da corrupción. Mais que outra maneira tiña de chegar a Ricardo dadas as circunstancias? Que outra maneira de conseguir probas de que o que dicía Vicente era certo? Quen puidera ademais mover os fíos necesarios para que as fotos comprometedoras desaparecesen de forma misteriosa do móbil de Vicente? A ela o único que lle interesaba era sacar a Rafael do seu tobo. Agora era cuestión de agardar e observar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

Tirando nasas