Xosé Manuel Sarille: «Ser autocaravanista ten un punto de errante»

O autor ven de publicar na editorial Biblos a primeira guía sobre autocaravanas, na que abondan consellos para iniciados


redacción / la voz

A editorial Biblos ven de sacar ao mercado estes días La guía de las autocaravanas, escrita polo profesor universitario, escritor e autocaravanista Xosé Manuel Sarille, un home que leva nas veas o turismo tranquilo. Sarille percorre a historia deste movemento coetáneo do cine que naceu espontáneamente nas dúas beiras do Atlántico, froito de adaptar un automóbil para vivir ou durmir nel.

-¿Cómo xurdiu un libro así?

-Fun campista desde os 6 anos e engancheime de contado ás autocaravanas. Comparo o tema co dos moteiros, co que temos puntos en común, case de tribo. Os autocaravanistas saudámonos cando imos pola estrada. E así naceu a idea de crear una guía que en Galicia non existía.

-¿Son caras as autocaravanas?

-É un automóbil caro, pero ten un abano de posibilidades enorme. Non é un coche para 8 anos pois dura máis. É un investimento a longo prazo. E aforras en hoteis. Hainas no mercado de segunda man moi asequibles. Chamámoslles «yates da estrada» pola similitude de poder botar a áncora en calquera sitio. Ser autocaravanista ten un punto de errante.

-Pero para disfrutar deste turismo necesítase moito tempo libre

-Algo de razón hai. Quen viaxa deste xeito ten idades altas, xubilados ou profesores, aínda que atopas de todo e medra. De feito, en España hai censados 40.000 autocaravanistas e na Asociación Galega, que conta cunha interesante páxina web, chegamos aos 400 socios.

-¿Necesítase un carné ou psicotécnico especial para conducilas?

-Non, como calquera outro turismo xa que o vehículo non pasa dos 3.000 kilos. Eso sí, hai que ter en conta que é máis lento, que ten maior altura ou que inflúe moito na conducción o vento.

-Merco unha autocaravana, pero ¿onde a gardo?

-Hai xente que as garda nas leiras ou nas casas. Agora xa funcionan naves ou antigas granxas reconvertidas en aparcadoiros.

-¿Qué consellos lle daría a alguén que se quere iniciar?

-O primeiro é que se un non é viaxeiro non vale. Hai que e dispoñer dun espírito aventureiro.

-Un usuario de autocaravanas, ¿cómo entende o turismo?

-Temos un punto ecolóxico e de conciencia. Turísticamente os usuarios teñen un poder adquisitivo medio-alto e gastan máis que un turista común.

-¿Está preparada Galicia para recibir autocaravanistas?

-Deberiamos poñernos as pilas porque hai paisaxe e posibilidades de atraer turismo que deixa cartos. De todos os xeitos, avanzouse. En Galicia xa temos máis de 70 áreas de pernocta.

Votación
6 votos

Xosé Manuel Sarille: «Ser autocaravanista ten un punto de errante»