Roberto Vilar: «En San Clodio é onde lle pedín para saír á miña muller»

Juan Carlos Martínez REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Roberto fai malabarismos cunha cunca de ribeiro nunha clásica tasca de Compostela.
Roberto fai malabarismos cunha cunca de ribeiro nunha clásica tasca de Compostela. Álvaro Ballesteros< / span>

O humorista, disposto a levar dezanove inimigos ao mosteiro se lle toca o premio final da promoción de La Voz

08 may 2014 . Actualizado a las 09:24 h.

Roberto Vilar, actor, presentador de televisión, showman, o famoso cabeza de familia de Os Tonechos e hoxe condutor do concurso Entre familias anda o xogo na TVG, é unha das persoas máis queridas polo público galego, como se pode comprobar se o acompañamos dando un paseo por calquera das nosas cidades. Así ocorreu este martes en Santiago; non había transeúnte que non o saudara cun sorriso nin porta que non se lle abrise. Pero como a Fortuna é cega, non lle tocou ningún Mercedes-Benz da promoción de La Voz; se a Fortuna estivese ben da vista, seguro que lle adxudicaba o clase C, pola moita alegría que el reparte.

-Non lle tocou o Mercedes, e seguro que lle ía ben.

-Non me tocou o Mercedes, non. E víñame moi ben o Mercedes, porque teño un garaxe de color prateada e a ese garaxe de color prateada o que mellor lle cadraba era un Mercedes para completar a flota de oito Ferraris e tres Maseratis. E co Mercedes na porta xa podía xogar ao fútbol no Real Madrid.

-Pero agora pode participar no premio final, e ir pasar unha fin de semana ao Ribeiro con 19 amigos.

-¿Os vinte xuntos? Iso vai ser coma o Gran Hermano do Ribeiro. ¿Pero quén ten dezanove amigos? Non os ten nin Amancio Ortega.

-Non me diga que non daba xuntadas dezanove persoas, co imán que ten vostede.

-¿Dez e nove amigos? Bueno, pois si, pero levando un pouco de todo: un avogado, un garda civil, un enfermeiro, un viticultor, un cociñeiro, unha persoa que saiba facer un salpicón...

-Xa sabe que o premio é pasar a fin de semana coñecendo a tradición vinícola e hospedados no mosteiro de San Clodio.

-San Clodio é un sitio espectacular de bonito. Eu fun unha vez nada máis, pero chegoume ben, porque a única vez que fun pedinlle para saír a que é a miña muller, pedinllo alí. Só fun unha vez, ceamos alí, quedamos alí a durmir, e fixen aquilo que se facía antes, que agora xa non se fai, preguntarlle se queres saír comigo. Sitio precioso, cheo de viñas por todos lados. E así é a historia. Fomos alí de viaxe romántica e agora temos unha filla, así é como vai todo.

-¿Non lle parece un bo premio para os que non gañaron os Mercedes?

-Para ser o premio de consolación está mellor que o Mercedes, dá menos ghasto. Ao Mercedes hai que botarlle gasolina, ¿non é?, e o seguro, e o demais. Pero irse con dezanove amigos... Ou inimigos, podes ir con dezanove inimigos, a xuntalos alí e ir amañando. É un premio marabilloso.

-A zona dá para facer as paces, para episodios románticos, para o que se queira...

-Merece moito a pena toda esa zona do Ribeiro; onde está o mosteiro de San Clodio xa é francamente espectacular. Os viñedos de arredor son tremendos de bonitos, está todo rodeado de viñas que se perden na vista. A viaxe de Ribadavia a San Clodio eu recordo que a fixeramos en primavera e por toda a beira víanse cantidade de cerdeiras que ían soltando as flores. E Ribadavia é un sitio encantador: ese cheiro antigo, ese ambiente xudeu, eses pasteis tradicionais. O sitio onde se toma viño ribeiro bo de verdade é alí, que sabe de verdade, coma o de antes.

Roberto Vilar Actor e presentador