«Axudamos a identificar o bosón de Higgs e apoiamos as pemes»

r. r. redacción / la voz

SOCIEDAD

16 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

«A supercomputación é imprescindible para o desenvolvemento da ciencia, da tecnoloxía e da sociedade en xeral». O director do Cesga, Javier García Tobío, ten moi claro cal é a súa misión: transferir coñecemento á sociedade e axudala a avanzar.

-¿Vinte anos son toda unha eternidade no seu caso?

-Hai vinte anos non se sabía nin o que era un supercomputador e Internet aínda estaba en mantillas. A supercomputación parecía dificilmente alcanzable e cando empezou isto falábase de computación de altas prestacións. A nosa capacidade inicial de cálculo multiplicouse por trece mil; a de almacenamento de datos por 180.000 e a de memoria por 19.000. Empezamos con unha capacidade de disco de 15 gigas e agora temos 2.700.000 gigas.

-Acadaron grandes fitos, pero a vostede gústalle falar da labor social que prestan.

-Si, porque aparte de dar servizo a máis de 1.000 grupos de investigación de Galicia, España e de todo o mundo, damos servizos a sociedade.

-¿Como cales?

-A predición meteorolóxica de Galicia faise a partir da produción numérica de tratamento de datos do Cesga. Tamén colaboramos na predición do estado do mar, o que é moi importante para o sector pesqueiro e o tráfico marítimo e para Portos do Estado facemos a produción meteorolóxica da fachada atlántica, do sur de Irlanda ata Canarias. Ca Fundación Galega de Xenómica facemos secuenciacións de xenomas humanos completos para axudar a determinar enfermidades como o cancro, xestionamos a máquina de computación distribuída, a Iniciativa Grid Europa, máis importante do mundo, que foi a que se empregou para identificar o bosón de Higgs...

-E tamén prestan servizos as empresas galegas.

-Si, cada vez colaboramos con máis empresas, medianas e pequenas. Non necesitan grandes máquinas de cálculo, pero si o coñecemento que temos en simulación e modelización aplicada para a industria e o tecido industrial que ten Galicia.

-¿Pódese dicir que lle dan a todo, do bosón de Higgs ás pemes?

-Si, pasamos dun extremo a outro. Axudamos a identificar desde o bosón de Higgs ata a resolver problemas das pemes.

-¿A ciencia galega pódese entender sen o Cesga?

-Un investigador do CSIC chegou a dicir que na súa investigación había dúas etapas: antes e despois do Cesga.