Carlos Núñez: «Esta vida semella a 'Eternal Tour' de Bob Dylan»

Laura Martínez / A. A.

SOCIEDAD

22 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O gaiteiro máis internacional da comunidade chega a A Coruña para ofrecer un concerto coa Sinfónica de Galicia, un alto no camiño na xira de presentación do seu novo traballo, Discover.

-¿Que supón para vostede tocar coa Orquesta Sinfónica de Galicia?

Un soño feito realidade. Esta xa vai ser a terceira vez, o que demostra que tanto a Sinfónica coma nós estamos moi a gusto tocando xuntos. Vai ser moi especial porque dalgún xeito será a despedida a Víctor Pablo.

-¿Non lle impón algo de respecto tocar na praza de María Pita?

Os concertos na casa sempre dan moito respecto. Chego dun mes de xira polos Estados Unidos que comezou cun concerto sinfónico en Boston ao día seguinte do accidente de Santiago, xusto ao carón de onde foran os atentados. Foi un concerto moi emotivo, pero non sentín a metade de responsabilidade que sentirei mañá en María Pita.

-¿Teñen preparada algunha sorpresa?

Neste concerto viviremos esas aventuras musicais que estamos realizando dende os meus primeiros discos, proxectadas coa grandiosidade dunha orquestra sinfónica. E si, temos unha pequena sorpresa: tocarán connosco as pandereteiras de Xiradela, de Arteixo.

-Interpretará algún dos temas inéditos do seu novo disco?

Si, faremos varios dos temas que aparecen no novo disco, Discover, que, sendo un disco moi variado, ten unha sorprendente coherencia, poderíamos dicir que é unha obra gravada ao longo de quince anos de carreira.

-Creou a sintonía da Vuelta 2013, ¿como xurdiu a idea?

Como a Volta saía este ano de Galicia tiven a honra de que mo propuxesen a min. A verdade é que xa fixera cousas semellantes co mundo do deporte. De feito. a peza seleccionada fixérmola para a Ryder Cup de golf, en Irlanda. Tocármola por primeira vez coa presidenta de Irlanda, Tiger Woods e as mulleres dos golfistas bailando! Eu penso que a nosa música vai moi ben co deporte, quizais o feito de que sexa rítmica e a súa natureza instrumental axuda a facela internacional. Os da Volta comentábannos que, cada vez máis o seu público, non era só español, senón do mundo.

-¿En que proxectos anda embarcado actualmente?

Non paro un minuto. A pasada fin de semana, por exemplo, nas mañás dos catro concertos que ofrecemos no festival irlandés máis grande do mundo, en Milwaukee, gravei varios temas para o novo espectáculo dos creadores de Riverdance. A próxima semana irei a Xapón, logo sete concertos en Arxentina e de novo a Xapón. Así, sen parar ata que no mes de decembro voltemos de xira por España. Esta vida xa semella a Eternal Tour de Bob Dylan.

-Tras o seu concerto en María Pita tomará o relevo Ainhoa Arteta, vaise quedar a vela?

Encantaríame! Sei que ela estará xa na Coruña o día do meu concerto, pero eu teño ó día seguinte unha gala de televisión.