Xosé Manuel González Reboredo: «O lume sempre é purificador»

A noite de San Xoán aglutina ritos e tradicións de diferentes orixes


Lume, auga e plantas. Son os tres ingredientes principais da noite de San Xoán; as sardiñas son secundarias no asunto que nos ocupa. O etnógrafo Xosé Manuel González Reboredo (Lugo, 1946) describe como esta noite conflúen ritos e tradicións de moitos tempos e de diversos lugares.

-¿A de San Xoán é outra festa pagá cristianizada?

-É moi difícil establecer unha relación directa entre o San Xoán e o paganismo: na antiga Roma pagá non había, nestas datas, ningunha festa importante que puidera ser antecedente directo. Si había para o solsticio de inverno, o Natalis Solis Invicti. A festividade de San Xoán foi fixada polo cristianismo a partir dun dato que nos facilita o evanxelista San Lucas: que entre o nacemento de San Xoán e o nacemento de Cristo había seis meses de diferenza. Se a data que se elixiu para o nacemento de Cristo foi o 24 de decembro...

-Saen as contas: 24 de xuño.

-Agora ben, tanto o nacemento de Cristo como o de San Xoán coinciden preto dos solsticios de inverno e verán, respectivamente.

-Entón, ¿podería ser unha festa asociada con cultos ao Sol?

-O antropólogo Arnold van Gennep critica esa idea. Que a festa está próxima ao solsticio é evidente, pero que os rituais de San Xoán que temos deriven dun culto ao Sol xa é máis dubidoso. Poderíamos tirar de lendas que contan como o lume é roubado do Sol e traído aos homes. Pero en San Xoán tamén se empregan plantas. E moitos rituais do San Xoán son pola noite, non polo día. Creo que iso revela unha cousa: que en torno a esa festa foron concentrándose elementos doutras festas, como as Palilia, con ritos semellantes pero que se celebraban en abril; ou o Hirpi Sorani, que tampouco era en xuño.

-¿É común a toda Galicia?

-Non. Hai amplas áreas da provincia de Ourense nas que non foi tradicional, incluso aínda hoxe, o prender fogueiras esta noite. Trives ou A Limia, por exemplo. Tampouco en Monterrei. Agora si se fan nalgúns destes sitios, pero por influencia dos medios de comunicación, non porque fose algo de aí.

-Lume, auga, vexetación... ¿Por que?

-Para protexerse. Non teñen que aparecer todos os elementos, pero si algún deles. En Murias de Rao, en Lugo, non hai nada que indique que fixeran algunha vez fogueiras de San Xoán, pero si enramaban as casas con plantas. Na zona comprendida entre Santiago, Noia, Padrón, Valga e Cuntis había o costume de alumear o pan, prender fogueiras con fachuzos recorrendo as leiras lendo ensalmos de protección das colleitas. Pero iso facíase na véspera do primeiro de maio. Un dos últimos sitios onde se fixo foi en Urdilde, en Rois. Pero non fogueiras por San Xoán. Á marxe das datas, o lume é sempre un lume purificador. E a auga, unha auga purificadora e as plantas son plantas que nos defenden de males.

-¿Que males?

-Os que podía padecer unha sociedade agraria tradicional e que afectaran á colleita, aos animais e ás persoas. Pero tamén problemas de fertilidade. Por iso hai rituais que aínda se conservan, como o baño das nove ondas na Lanzada ou saltar a fogueira para loitar contra a solteiría e casar no ano seguinte.

-¿E o meigallo?

-Tamén hai males moi curiosos, procedentes do imaxinario popular, como son as meigas. Preto de Castrofeito, xunto ao aeroporto de Lavacolla, dicíase que había que botar leña verde ao lume para que escorrentara ás meigas. Ou plantas aromáticas.

-Habelas hainas...

-A meiga é a personificación dos males sociais: calquera veciño pode ser meigo ou meiga, por iso xurdían cantigas como a que recolleu Taboada Chivite: «Por ser noite de San Xoán, noite de encantos e bruxas / por ser noite de San Xoán / téñote medo, Maruxa». Maruxa podía ser unha veciña coa que un se levaba mal.

nacho.miras@lavoz.es

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

Xosé Manuel González Reboredo: «O lume sempre é purificador»