Novamente, os deberes escolares

SOCIEDAD

30 may 2013 . Actualizado a las 10:34 h.

No ano 1996, cando tiñamos a honra de formar parte do Goberno galego, aprobouse o regulamento orgánico dos centros de infantil e primaria, desenvolvido ao seguinte por unha orde, en cuxo capítulo IV, punto 9, figuraban os «traballos extraescolares», máis coñecidos como deberes. Estas disposicións legais, aínda que vixentes, están desfasadas. Hai 17 anos atopábase en pleno auxe e desenvolvemento a Loxse, lei á que lle temos recoñecido virtudes, pero que foi nefasta para a formación básica do alumno. Fomentou unha incultura do esforzo e do traballo intelectual, tentando equiparar igualdade de oportunidades con igualdade de resultados. A promoción de curso era automática. Xa que logo, ¿para que sacrificarse no estudo?

Os tempos teñen que mudar. Despois desta lei, xa está a piques de ser derrogada a terceira. Obxectivo esencial é recuperar a responsabilidade do alumno na súa formación. Por iso, os deberes escolares, ou como se lles queira chamar, son necesarios. Como hábito de traballo persoal e para recuperar, consolidar ou ampliar competencias e coñecementos. Sen impedir o tempo de xogo. Sendo motivadores e realizándose de maneira autónoma. Debendo, en fin, ter relación co traballo escolar e estar moi ben preparados e coordinados polos mestres.

Agora ben, para traballar autonomamente, hai que ter fluidez de lectura e boa comprensión e capacidade de razoamento. Ademais, hábito de estudo, que non se opón a hábito de ocio. Se non se dan estas condicións, non ha estrañar que se rexeiten os deberes ou traballos suplementarios. O alumno estará exposto ao fracaso escolar ou ben á carencia dunha boa base formativa.