Carta aos señores traficantes de animais


Cando volvo a vista cara atrás, lembro que hai case vinte anos os primeiros niños de miñato, lagarteiro, gabián ou de azor que descubrín, non foi por mirar a copa das árbores senón polas marcas que algún túzaro deixara no tronco para chegar ata os poliños. Non había un que non fora espoliado. Igual pasou cun niño de falcón peregrino que ano tras ano criaba nun cantil da Barbanza. Paseando por un cantil tropecei cunha corda de batea agochada entre os toxos. As casualidades non existen, unha corda de batea no medio das pedras só podía significar unha cousa... e efectivamente, puiden comprobar que a empregaran para descolgarse pola beira do cantil e roubar as crías. Nin que dicir ten que nas aldeas e parroquias da comarca, os hórreos non só gardaban millo, senón tamén moitas destas desgraciadas aves que non coñeceron máis liberdade que a abertura da porta por onde lles daban algún pitiño cando lles cadraba. Estes animais coa pluma totalmente estragada, o seu carácter tronzado e sen a aprendizaxe proporcionada polos proxenitores, son dificilmente recuperables para a vida salvaxe. Pero non nos confundamos, non só hai detrás unha actividade pseudo-cultural. O mercado negro das aves rapaces segue existindo por motivos económicos. Espoliar varios niños de azores e de falcóns peregrinos en Barbanza pode supoñer, cada ano, miles de euros de ganancia. E non cambia a situación. Ano tras ano dende Axena alértase do perigo que corren certas parellas de volveren a ser espoliadas, da localización do niño e incluso do período con máis risco. É inútil, os niños son asaltados incluso dentro da xoia natural da comarca, o parque de Corrubedo. Ano tras ano seguirán espoliando e enriquecéndose coa nosa biodiversidade e patrimonio natural. Só lles pido un favor, señores traficantes de animais: non o fagan con tanto descaro.

Autor Xurxo Gago Director de Axena

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

Carta aos señores traficantes de animais