Javier García: «Hai que traballar contra o "silencio da boa xente" como dicía Gandhi»

La Voz

SOCIEDAD

20 nov 2012 . Actualizado a las 12:08 h.

Javier García é director do IES Fin do Camiño, de Fisterra, anfitrión da derradeira xuntanza da rede de IES contra a violencia escolar.

-¿Que buscan con estas reunións?

-Formarnos a nós e ós nosos alumnos, e intercambiar experiencias.

-¿Que é o que máis lle preocupa ós profesores galegos da convivencia nas aulas?

-Pola nosa experiencia, o acoso escolar, con ser moi grave, non é o que máis abunda no día a día. O 90 % dos problemas que temos son entre iguais, non como o acoso, onde hai unha clara asimetría de poder entre o acosador e a vítima; o normal son os malentendidos.

-Co auxe das tecnoloxías, ¿hai problemas novos?

-Os máis repetidos agora son colgar fotos comprometidas ou facer comentarios inapropiados nas redes sociais. A maioría das veces se solucionan, e tamén os acosos.

-¿Como se poden atallar as prácticas de acoso?

-Hai que traballar contra o «silencio da boa xente», que dicía Gandhi. Se nunha clase hai unha víctima e catro acosadores, o resto da clase ten que sabelo. Un rapaz que alerta dunha agresión, un abuso, uns insultos, non é un chivato, é alguén que se rebela contra a inxustiza.