Un día histórico para a ciencia mundial, un éxito para Europa

Carlos Salgado

SOCIEDAD

05 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Acola para entrar no auditorio principal do CERN, o Laboratorio Europeo de Física de Partículas en Xenebra, era de varios centos de persoas dúas horas antes do seminario. A metade quedaron fóra. A razón de tanta expectación é o anuncio do descubrimento, despois de corenta anos de busca e miles de millóns de euros invertidos, dunha nova partícula nos experimentos do Large Hadron Collider (LHC), o grande colisor de hadróns.

A relevancia deste descubrimento é enorme. Non é unha partícula calquera, é a peza que falta no puzzle que levamos construíndo no último medio século e que chamamos Modelo Standard, a teoría que describe o mundo microscópico. É o principio da fin da caza á partícula máis escorregadiza da historia recente da Física; e é tamén onde comeza o futuro da Física de Partículas do século XXI. É un deses días nos que paga a pena ser científico.

Para ser máis preciso, o que se presentou no CERN non é o descubrimento do bosón de Higgs, aínda!, O que se presentou é o achádego de algo que ten moitas das propiedades do bosón de Higgs. Para ser o famoso bosón, necesita ter todas e cada unha das propiedades preditas. Saber isto levará un pouco máis de tempo. Se fose o bosón de Higgs predito polo Modelo Standard sería o descubrimento máis importante nos últimos 30 anos. Se algunha das propiedades é un pouco distinta, como os dados poderían querer indicar, sería aínda moito mellor. Nese caso os experimentos abrirían o camiño para resolver moitas das incognitas que non achan acubillo na teoría actual: por que as masas das partículas son tan distintas entre sí? por que hai tres familias de quarks e leptóns? existe a supersimetría? existen dimensións suplementarias? Que é a materia escura? Estas, e algunhas outras, son preguntas sobre a estrutura máis fundamental do universo que o CERN pode resolver.

O LHC está apenas comezando a súa andaina nestes seus primeiros dous anos. O proxecto demorará polo menos vinte máis e xa se leva tempo pensando que facer despois. No CERN non faltan ideas. Este laboratorio europeo, creado despois da segunda guerra mundial para evitar a fuga de cerebros cara aos USA, está en plena efervescencia. Os europeos podemos estar orgullosos de ter o mellor laboratorio do mundo, onde uns dez mil científicos de máis de cen nacionalidades, entre eles un número destacado de galegos e galegas, son guiados polo soño que nos levou aos humanos a diferenciarnos do resto das especies, o soño do coñecemento, a necesidade de ir máis alá. Os europeos podemos estar orgullosos do que podemos conseguir unidos. O xornal Le Monde publicaba ?L?Europe du Boson?, a Europa do Bosón. Nestes días máis ca nunca a ciencia pode servir de inspiración á sociedade, como tantas veces no pasado. A imaxe do octoxenario Peter Higgs secando as bágoas da emoción despois de ver os resultados experimentais é todo un símbolo.