Con Scarlett Johansson

SOCIEDAD

06 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Paréceme a min que entre os actores e directores cos que conta Hollywood, un dos de maior talento é Sean Penn, protagonista desa marabilla de película dirixida por Clint Eastwood que é Mystic River, na que el conta o que é a dor dun pai como case ninguén soubera facelo antes. De Eastwood teriamos que volver falar outro día con calma, pero agora estamos co señor Penn. O caso é que mister Sean volve á primeira liña da actualidade non pola súa creatividade, nin por esa xenerosidade súa encomiable, senón por unhas fotos nas que aparece con Scarlett Johansson, actriz quizais de non tanto talento coma el pero si, en calquera caso, moi guapa. Polo que parece, a industria do espectáculo ten entre as súas leis non escritas -e non entremos agora nas causas- a de que a miúdo se fale dun artista, máis que pola súa obra, por cuestións que en última instancia non son outra cousa que asuntos particulares. Algo que resulta tristísimo cando se trata de creadores importantes, pero que sen dúbida verán con ollos distintos os que, beneficiándose desa estraña dinámica, entran nos difusos ámbitos da fama non polo seus feitos, senón por facer que deles se fale sen pausa. Nada novo baixo o sol, en calquera caso. Estamos en tempo de máscaras.