Parecía mentira. Pero era verdade, o que me dixeron. Contáronme que ías medrar tan rápido que cando quixese darme conta xa non podería senón lamentar cada un dos minutos que debería ter estado contigo pero malgastei perdendo o tempo. E non se equivocaron: nada hai más certo. Oxalá puidese recuperar algún deses momentos. Porque hai torpezas, ¿sabes?, desas nas que caemos a pesar de todas as advertencias, que doen especialmente cando un acaba por ser consciente delas. Estoute vendo cando naciches. Aquel día, ante o milagre da vida, máis conmovido do que sei explicar, miraba para ti, sen atreverme a collerte; e agora, aínda que procure disimular, non deixa de asombrarme o que no fondo é o mesmo: a certeza de que o maior dos prodixios, o que naceu daquel vento de Deus que flotaba sobre as augas cando na escuridade se confundían a terra e o ceo, habita no corazón dos nenos, como a inocencia. Ti non o sabes, pero a min gústame moito, de madrugada, cando o silencio permite intuír o que se oculta nas páxinas dos libros, ir mirar unha vez e outra, sen facer ruído, como dormes abrazadiña a ese lebrel de xoguete ao que lle quixen poñer de nome Argos, igual que aquel can que foi o único que recoñeceu ao rei Ulises cando volveu a Ítaca despois de tantos anos de ausencia, pero que ti, con mellor criterio, decidiches chamar Perri. Hoxe vas facer xa a Primeira Comuñón. E menos mal que non lerás isto, porque senón pode que adiviñases o que vou botar de menos a quen sería tan feliz coma min se puidese verte.