«O folk actual estase facendo demasiado comercial»

SOCIEDAD

Con só 19 anos, é o gaiteiro máis premiado no ano 2008 e prepárase para seguir os pasos de Budiño e Núñez cunha visión revolucionaria do instrumento

20 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Pablo Devigo naceu en Castro Caldelas (Ourense) hai 19 anos. Moi novo, con 7, comezou a tocar a gaita na banda da súa vila porque era a única actividade cultural que existía e, a partir dese instante, viviu pegado a un instrumento co que practica oito horas ao día. A pesar da súa xuventude, é o gaiteiro máis laureado do ano -esta mesma semana gañou o Constantino Bellón de composición- e disponse a seguir os pasos de Budiño e Carlos Núñez, aínda que cunha particular visión do instrumento.

-Con tanto premio, ¿sente a responsabilidade de emular aos grandes da gaita?

-Non, eu tomei a música como opción profesional pero tamén de ocio. Se o día de mañá, polo que fose, deixase de funcionar tampouco me vou deprimir porque teño o obxectivo de ser mestre. Se fóra diso podo ter unha vida á marxe da académica, benvido sexa.

-¿Como se tomaron os seus pais os seus desexos de ser músico?

-Precisamente, os premios para min son un aval porque ao dicir na casa que queres ser músico sempre hai a típica discusión, e os recoñecementos avalan a miña traxectoria.

-¿Recibiu algunha proposta de grupos ou para compoñer tras os seus éxitos?

-Propostas para grupos teño, pero eu intento escapar do folk típico que se comezou nos noventa. Non vai coa miña maneira de pensar a música galega. No tema da composición xa tiven algunha oferta para bandas sonoras de curtametraxes, que é ao que espero dedicarme algún día, a composición para a imaxe.

-Din que é a súa visión da gaita é revolucionaria.

-Non sei, eu vexo a gaita máis como un instrumento que como un emblema. A parte de respectar a súa tradición étnica, intento vela como un instrumento cheo de futuro e non soamente dentro do que é o folk e a música tradicional, senón tamén na música contemporánea e culta.

-¿Que é o que non lle gusta do folk actual?

-Hai excepcións partindo incluso de influenzas como o jazz, que é o que fai Nova Galega de Danza, pero en xeral o folk actual estase facendo moi comercial. É unha música coa que se gaña moito, pero que non é especializada para un público concreto.

-¿Ten algún referente na súa visión da gaita?

-O meu referente fundamental é Piazzolla. O que el fixo co tango en Arxentina é semellante ao que se pode facer en Galicia co gaita nos próximos anos. El converteu o tango en música para oír e conseguiu devolvelo á rabiosa actualidade.

-¿Canto tempo dedica a ensaiar?

-Todo o día. Desde que me levanto ata que me deito. En temporada de concursos ensaio ata oito horas; máis non porque se resenten os oídos. Practico como calquera outro estudante.

-Non coñezo moitos estudantes que dediquen oito horas ao día aos libros...

-Vale, entón como calquera outro bo estudante.