«De cara ao futuro, posiblemente a quimioterapia está na cima, e teremos que buscar novas vías»

La Voz

SOCIEDAD

02 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Desde o servizo de oncoloxía do Complexo Hospitalario de Ourense, José Luis Fírvida preside o Grupo Galego de Cancro de Pulmón. Aos seus corenta especialistas e aos dez hospitais da rede galega corresponde o protagonismo deste ensaio.

-Aínda resulta estraño oír falar de Galicia como pioneira en investigación oncolóxica.

-Noutros lugares do mundo están facendo ensaios con outras combinacións de fármacos; esta é exclusiva nosa. Nós mostramos interese e pesa que teñamos unha traxectoria de dez anos de facer moitos ensaios clínicos, moita investigación; o laboratorio considera que reunimos as condicións científicas e físicas, que os hospitais teñen as características adecuadas.

-¿Cal é a importancia real do ensaio?

-Dá a impresión de que vai ser un ensaio de rexistro, é dicir, que vai servir para que as autoridades sanitarias, en menos de un ano, dean autorización ao fármaco Avastin para ser utilizado en cancro de pulmón. Nós imos achegar uns resultados definitivos, corroborando outros que xa existen.

-¿Que supón para Galicia?

-Penso que é un fito importante que haxa un grupo con tanto desenvolvemento e a nivel nacional está considerado un grupo cooperativo científico, rexistrado como tal. A partir de agora haberá moitos proxectos de investigación da industria.

-¿Pódese falar con realismo de curación do cancro?

-O cancro son máis de 200 enfermidades; entón falar hoxe en termos de curación é pouco realista, pero si é verdade que nos últimos decenios en todos os cancros a supervivencia e a curación incrementáronse, estamos por riba do 50% de curación. De cara ao futuro, posiblemente a quimioterapia está na cima e teremos que buscar novas vías, basicamente de fármacos que actúen en distintos niveis e permitan bloquear o crecemento do tumor. Nalgúns casos estase conseguindo cronificar a enfermidade, pero queda moito camiño. En mama, por exemplo, a curación está máis cerca.

-¿Este tipo de investigación obedece a planificación ou a voluntarismo dos profesionais?

-Ten unha parte de altruísmo, porque implica moitas horas, incluso fóra da xornada laboral, porque a inclusión dun paciente nun ensaio clínico é estrita, non son os dez minutos de consulta, e hai que facer un seguimento continuado. A sobrecarga asistencial en toda España en oncoloxía é unha traba, non dispomos da cantidade de tempo óptima para a función investigadora. Pasqual Maragall sorprendíase recentemente nunha entrevista de que na unidade da memoria de Boston os profesionais dedicasen á investigación o 50% do tempo; aquí estamos por baixo do 10% á semana, o resto é asistencial. Cecais sería necesaria a reestruturación dos servizos de oncoloxía para ter máis tempo para docencia e investigación.