Santos enfróntase a un inimigo descoñecido nos novos capítulos de «A lei de Santos»

H. R. REDACCIÓN / LA VOZ

PLATA O PLOMO

A serie da TVG estrea a súa terceira temporana a partir das 23.00 horas

09 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Na pasada temporada de A lei de Santos, Santos tivo que facer fronte a unha profunda reflexión sobre si mesmo e o seu futuro, e é que viuse na situación de ter que decidir entre seguir sendo un temido delincuente, ou deixar a profesión e levar unha vida honrada como Mario Piñeiro. Aínda que empezou decidido a abandonar o mundo criminal e contaba co apoio de Uxía, o seu reencontro con Peixe, Abel e Emilia provocou que se vise envolto no roubo do Pazo de Meirás e, a partir dese momento, os seus esforzos por endereitar a súa vida naufragaron.

Tampouco axudou verse no media da guerra aberta que mantiñan dúas bandas criminais que operaban en Viladesantos e que rematou da mellor forma posible: un tiroteo no restaurante de Peixe durante o banquete de voda dos fillos dos xefes das bandas rivais.

Este feito tamén supuxo que Santos volvese a ver a Antonia, a súa vella inimiga en Viladesantos, coa que tivo que facer un pacto para saír con vida do restaurante polo que, finalmente, a balanza de Santos inclinouse cara o lado do crime.

Así comezan o novos episodios que chegan esta noite a Televisión de Galicia no que Santos prepara un novo golpe en Viladesantos con Peixe e Abel. No que respecta á súa relación con Uxía, a decisión de continuar co crime provocou que Uxía perdera toda a confianza que tiña depositada nel, e fixo que a súa relación saltase polos aires.

Pero Santos tamén terá que enfrontarse a un perigo. Un inimigo descoñecido preparou un plan de vinganza para acabar con Santos.

Pola contra, no cuartel de Viladesantos as cousas están un pouco mellor, sobre todo para Lourenzo ao que lle vai tocar a lotaría, o impulso que necesitaba para deixar a Garda Civil.

Os actores Monti Castiñeiras, Andrés Giráldez, Federico Pérez e Iria Veiga encabezan o reparto da serie, entre o que se atopan outros intérpretes como Óscar Allo, Iria Sobrado, Marcos Vieítez, Victoria Teijeiro, Paula Cereixo ou Fran Nogueira, entre outros.