«Na mente do asasino» lembra o crime do sicario de Verín

H. R. REDACCIÓN / LA VOZ

PLATA O PLOMO

TVG emite a partir das 22.30 horas o documental e despois un debate para analizar o ocorrido

01 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

No episodio desta noite, Na mente do asasino afondará no crime que acabou coa vida de Bernardino Pousa, un veciño de Verín, ao que esperaba un sicario na cocheira de autobuses na que traballaba. Foi un domingo de setembro, despois de regresar dun servizo dende a viguesa praia de Samil. O asasino abordouno cando baixaba do vehículo, deulle máis dunha vintena de golpes antes de cortarlle o pescozo e acabar coa súa vida.

Detrás desa violenta morte estaba a súa propia familia. A que fora a súa dona, a súa única filla e a parella sentimental desta. Uns 6.000 euros foi o prezo pactado entre a familia de Bernardino e Ilidio, o sicario.

Coas intervencións de Jorge Sobral, catedrático de psicoloxía criminal; José Luis Ferreiro, Garda Civil; Javier Fraiz, xornalista; Fernando Serrulla, forense e Jorge Temes, avogado; entre outros, Na mente do asasino profundará no caso e nos detalles dos feitos.

No debate posterior en plató, o xornalista Pablo Carballo estará acompañado por diversos expertos de diferentes ámbitos para analizar se é doado contactar e contratar a un sicario. Santiago Reboyras, inspector xefe do grupo de investigación tecnolóxica da Policía Nacional; Verónica Suárez, avogada; Manuel Fernández Blanco, psicoanalista; e Bernardo Viqueira, enxeñeiro e experto en ciberseguridade participarán no coloquio.

Na mente do asasino é unha serie de quince documentais, producidos por Voz Audiovisual, acompañados doutras tantas mesas de debate posteriores presentadas que afondan nos impulsos e pensamentos das persoas que cometeron algúns dos crimes galegos máis impactantes dos últimos tempos.