A primeira cita será en Sarandón e as últimas tropas sairán o 22 de febreiro en Lestedo e Trobe
16 ene 2026 . Actualizado a las 04:50 h.O particular exército de Xenerais da Ulla afronta a recta final da súa preparación para iniciar un ano máis a conquista das terras compostelás a golpe do colorido dos seus traxes e dos seus versos afiados para repasar a actualidade. Nesta ocasión, protagonizarán un total de 21 batallas en territorio da provincia da Coruña, ao que hai que engadirlle a súa presenza por terras pontevedresas.
As primeiras tropas en saír serán as de San Miguel de Sarandón, en Vedra, o vindeiro sábado 24 de xaneiro, cun atranque no campo da festa a partir das 18.30 horas. Ao día seguinte, será o exército de Oza, en Teo, o que percorra a parroquia para rematar ás 20 horas no campo da festa. Tamén sairán antes dos días grandes do entroido os Xenerais de Lucí e Rarís, en Teo. A conquista de Lucí será o día 31, co atranque ás 20 horas; e a de Rarís, o 1 de febreiro.
Xa o sábado corredoiro, o 7 de febreiro, sairán as primeiras tropas en Santiago. Trátase do exército de Marrozos. Tamén se despregarán nesa xornada os integrantes dos exércitos de Vilanova, en Vedra, e de Reis, en Teo. Neste último caso, continuarán o seu percorrido na xornada seguinte. O domingo os Xenerais tamén percorrerán e protagonizarán altos en Bama (Touro) e Angrois (Santiago), segundo recolle o calendario que deron a coñecer os oito concellos da zona onde esta expresión do entroido tradicional está enraizado.
A presenza de Xenerais multiplicarase o sábado de entroido xa que despregarán as súas tropas por Fonte Díaz (Touro), Aríns (Santiago) e Cacheiras e Santa María de Teo. O domingo 15, os vivas e os atranques chegarán a O Eixo (Santiago), de novo a Cacheiras (Teo) e a Sergude (Boqueixón). O martes de Entroido será a quenda do exército de Fao (Touro).
Antes de volver a repregar a totalidade de tropas ata o 2027, aínda haberá batallas en Vedra e Lestedo (Boqueixón). O sábado de piñata será a quenda das tropas de San Xián de Sales, en Vedra. Xa o domingo, á tradicional cita de Lestedo (Boqueixón) coincidindo coa Festa da Filloa, engádeselle a de Trobe (Vedra). A conquista está asegurada.