A tradición do Burro de palla regresa ao colexio de Vedra

santiago / la voz

VEDRA

Cedida

O singular animal trunfou onte outro ano máis perante o Concello, coas súas coplas e sátiras

18 feb 2021 . Actualizado a las 04:55 h.

«Tanto tempo que levades/ E que pouco enseño tedes collido/ para zafarse da lei Montoro/ E o moito que nos ten fodido./ Que fostes incapaces/ De manter a xestión directa/ Da limpeza das escolas/ Que xogada tan perfecta!»: Así comezaban as coplas e sátiras do Burro de palla de Vedra, que se situou perante o Concello antonte pola noitiña. Onte a veciñanza gozou co traballo dos poetas locais, e o Concello divulgou o acontecemento a través das redes. Recuperan esta tradición do carnaval os últimos anos. Nesta ocasión o seu trunfo perante a Cámara municipal estivo precedido do interese tamén no colexio.

No colexio público

A profesora Xulia Marqués, que coordina o proxecto de recuperación patrimonial Vedra Medra, iniciado hai 6 anos, esclarece: «Tratamos de revivir o patrimonio da comarca da Ulla. No entroido temos traballado os atranques dos xenerais, e este ano introducimos o Burro, que foi tamén unha maneira de contribuír a burlar este tempo de pandemia, que condiciona tanto as nosas vidas. É unha tradición do domingo de piñata. Fixemos un ensaio o día 12, con aulas de Primaria e da ESO, con Burros de palla que fixeron na comunidade educativa. Nas alforxas meteron coplas de amor, burlas e críticas feitas por estudantes, anónimas, e foi un éxito. O día 18, ao regresar, continuaremos con outras aulas, e divulgamos todo na web do colexio e nas redes».

Decoración de máscaras, e fotografías, son outras actividades deste tempo no colexio, acrecenta a docente.