Xosé Viaño Rey: «As relacións que se establecen cos nenos do rural son máis intensas»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

VEDRA

Sandra Alonso

«En secundaria custounos moito adaptar as aulas ao covid», di ante o inicio do curso

06 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Recoñece que lle gusta a xestión, tanto que leva a maior parte da súa traxectoria docente en cargos de responsabilidade. Xosé Viaño Rey (Sergude-Boqueixón, 1960) é o director do CPI Plurilingüe de Vedra dende hai once anos. «Unha das miñas maiores satisfaccións foi a ampliación do centro, que viñamos demandando dende moito antes da miña chegada á dirección», segundo indica Viaño. Preguntado pola súa vocación de mestre, explica que inicialmente ía facer Xeografía e Historia, que faría despois de Maxisterio, pero dificultades na economía familiar obrigárono: «Meu pai era albanel cunha pequena empresa, e coa crise do sector en 1975 tivo que pechar, así que tiven que optar por uns estudos que me permitisen estar traballando o antes posible. Despois do visto, algo de vocación tamén hai; ademais, acabei facendo a carreira que quería ao principio», comenta.

A volta ao cole chega chea de preocupacións e dúbidas. Máscaras, metro e medio, lavado de mans, ventilación entre clase e clase, desinfección das mesas na aula, ir ao aseo de un en un… «Hai moita preocupación entre a comunidade educativa polo feito de que os alumnos incorporen canto antes estas rutinas e se respecten escrupulosamente as normas. Hai un protocolo da Xunta moi completo, e o noso plan de adaptación esperamos aprobalo uns días antes de arrancar o día 10. No noso centro, o equipo directivo estivo traballando arreo boa parte de agosto, e imos cumprir con todas as esixencias, aínda que en secundaria nos custou moito, suprimindo perchas, armarios, taquillas… para poder ampliar as distancias», tal como explica o director do colexio, que se distingue pola «aposta decidida» polas novas tecnoloxías. «Fomos dos primeiros centros Abalar no 2010 e somos centro Edixgal dende o 2018, o que permitiu ter todas as aulas dixitalizadas e dotarnos de novos recursos TIC», segundo conclúe con agrado.

Á hora de establecer diferenzas entre os nenos de aldea e de cidade, pensa que se observan na relación coas familias e o alumnado. «Ao principio os rapaces non son tan abertos como os da costa ou a cidade, pero logo as relacións que se establecen son máis intensas», segundo di Viaño, que anteriormente estivo destinado na Estrada, A Pobra do Caramiñal, Escarabote, Malpica e Bertamiráns. E sobre a eterna cuestión de que se hoxe saen mellor preparados, responde: «Hoxe non saben de memoria tantas cousas, pero teñen habilidades e ferramentas para buscar a información con moita rapidez. Pero debo recoñecer que probablemente non teñen tanta preocupación por estudar coma antes». Na súa dilatada carreira, Viaño tivo que afrontar hai tempo a resolución dun conflito con alumnado agresivo cara aos compañeiros e, nalgún caso, cara ao profesorado. «Cando se producen situacións serias é moi difícil reconducilas; móveste entre as boas palabras e as sancións, pero aínda así... O certo é que cando tiven que lidala daquela tivemos éxito, pero pasei moita tensión», segundo confesa.

Por outra parte, no colexio de Vedra -engade- iniciouse dúas veces o protocolo oficial de acoso, unha delas coa compoñente de ciberacoso, pero finalmente a conclusión foi que non tiña esa consideración, precisa. «O que mellorou foi a prevención e o seguimento por parte do profesorado destes temas, pero penso que o protocolo é un pouco encorsetado e complexo, que comporta medidas que poden provocar o efecto contrario. Unha intervención a tempo, con accións educativas e reeducadoras, pode ter un resultado máis positivo», segundo declara o veterano profesor.

Enxeñeiros, sanitarios, emprendedores, xornalistas ou arquitectos saíron do colexio de Vedra, entre eles o propio alcalde do municipio, Carlos Martínez. O centro, que posúe na actualidade máis de 400 alumnos, incrementou a súa matrícula un 25 % dende o ano 2010.