Os buxos centenarios de Quinteiro da Cruz xa son árbores senlleiras de Galicia

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VEDRA

MARTINA MISER

O departamento autonómico subliña o bo estado deste conxunto de buxus sempervirens

12 dic 2019 . Actualizado a las 14:07 h.

O catálogo galego de árbores senlleiras constitúe unha ferramenta aberta e en continua actualización, un rexistro daquelas árbores e formacións boscosas da comunidade que, polas súas características excepcionais, merecen unha protección especial. A Consellería de Medio Ambiente, que actúa como notaria deste particular patrimonio natural de Galicia, vén de incorporar a el os buxos centenarios que medran nos xardíns do pazo Quinteiro da Cruz, en Ribadumia.

O departamento autonómico subliña o bo estado deste conxunto de buxus sempervirens, unha das poucas buxedas que son quen de resistir á bolboreta do buxo, un voraz insecto que se ten convertido na principal causa da morte destas árbores no país, e sobre todo na provincia de Pontevedra, dende hai algúns anos.

Máis aló da súa boa saúde, o catálogo recoñece a estética dos buxos de Quinteiro da Cruz, unha carreira de 35 metros de lonxitude lineal composta por corenta exemplares moi ben conservados. Á vista do seu porte, as árbores deben ter cando menos douscentos anos. O buxal do pazo arousán únese, así, aos da Casa da Botana (Arzúa, o pazo de Santa Cruz (Vedra), Oca, a illa de San Simón e San Lourenzo.